O Galicia Clarinet Fest triplica o seu alumnado e público na edición máis exitosa da súa historia
A cita lalinense atraeu 30 marcas internacionais do sector e xerou un retorno económico estimado en 350.000 euros
Laura Moure/Lalín
A sétima edición do Galicia Clarinet Fest, que concluíu en Lalín o pasado 9 de agosto, pechou unha semana de intensa actividade cun balance histórico. Tras unha avaliación pormenorizada dos datos de matriculación, afluencia de público, presenza de marcas e impacto no territorio, a organización sitúa o evento como unhA das citas de referencia e de proxección únicas a nivel europeo.

A Academia do festival triplicou a súa matrícula con respecto á edición anterior, acadando os 150 alumnos e alumnas procedentes de todo o territorio español e de países como Reino Unido, Canadá, Estados Unidos, Alemaña, Suíza, Francia ou Uruguai. Así mesmo, as horas de formación cuatriplicáronse respecto a 2025, cun total de 430 horas de clase impartidas por un cadro docente de 18 clarinetistas de prestixio internacional, integrantes das orquestras e universidades máis prestixiosas do mundo.
22 eventos e arredor de 6.000 asistentes
A resposta do público tamén se triplicou nesta edición. O festival programou 22 eventos —entre grandes concertos sinfónicos, recitais de cámara, a cuarta edición do Concurso Internacional de Clarinete, presentacións e estreas absolutas — que reuniron arredor de 6.000 espectadores.
PUBLICIDADE
A aposta formativa e artística do Galicia Clarinet Fest consolídase, un ano máis, como unha das máis potentes a nivel europeo no panorama da música clásica e contemporánea, concretamente do clarinete, cunha programación que se ampliou nesta edición ao ciclo de jazz que seguirá medrando segundo avanzou Xocas Meijide, director artístico do festival: "Esta foi a mellor edición ata o momento, tanto pola calidade do programa como pola resposta abrumadora do alumnado e do público. Viñeron a Lalín moitas persoas de fóra de Galicia exclusivamente para asistir aos concertos. É unha edición que deixa un listón moi alto, e temos como reto seguir superándonos, e as Noites de jazz en Lalín abren un escenario moi ilusionante."
Escenario comercial e impacto económico no territorio
A presenza do sector comercial foi outro dos grandes fitos da cita, coa participación de 30 empresas e marcas internacionais que atopan no festival un escaparate clave para a venda directa de clarinetes e accesorios, cunha facturación durante o festival que superou os 70.000 euros.
PUBLICIDADE
Máis alá da dimensión artística, o evento que concentrou en Lalín e na súa contorna durante a semana do festival un activo de 200 persoas entre alumnado, profesorado e organización, xerou un retorno global estimado en 350.000 euros entre aloxamentos, restauración, persoal, transportes, imprentas, cachés, proveedores, servizos loxísticos etc consolidándose durante o mes de agosto como un importante motor de dinamización económica, turística e cultural para a comarca.
Durante unha semana, a vila converteuse nun espazo multicultural onde conviviron estudantes, docentes e profesionais de catro continentes, xerando unha atmosfera de intercambio e oportunidades de futuro para os participantes.
PUBLICIDADE
Mirada posta na oitava edición
Tralo peche desta sétima entrega, a organización xa traballa no deseño da vindeira cita. "Nesta edición melloramos tanto os escenarios como os procesos organizativos. A partir de outubro comezaremos a traballar na seguinte edición coa certeza de que temos en Lalín un dos mellores festivais do mundo. Non só o dicimos nós, senón que o afirman as marcas, os músicos, o profesorado e o alumnado que aposta por unha formación de extraordinaria calidade e pola rede convivencia que se tece. É un festival que deixa pegada no territorio, sementando afección pola música, colocándoa no centro, que recompensa o esforzo, no marco dun escenario de convivencia e alegría que o fai único ", concluíu Meijide.










Comentarios