top of page

O Galicia Clarinet Fest conta coa estrea mundial de ‘Camiño ao infinito’ e a Real Filharmonía

A cita celébrase ata o domingo en Lalín


Laura Moure/Lalín

Galicia Clarinet Fest atravesa o ecuador do festival coa calorosa entrega dun público que ateiga espazos como a praza das Pipas e o Salón Teatro de Lalín, e tendo pendentes na súa programación varios concertos destacados.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

Hoxe xoves ás 19 horas no Salón Teatro o clarinetista Xocas Meijide, director artístico do festival,  presenta -estrea mundial- o seu último disco, Camiño ao infinito, un traballo ao que leva dedicado os últimos oito anos, que bebe da música minimalista, e que ten a Stev Reich como referente. Esta corrente de música contemporánea desenvolvida na década de 1960 en Estados Unidos xurdiu como un movemento underground nos espazos alternativos de San Francisco. O espectáculo performativo de música e vídeo arte que Xocas Meijide presenta en Lalín combina as composición de autores americanos  como David Lang ou Steve Reich entre outros, con pezas de autoría galega como Benxamín Otero e Simón García. Nas creacións audiovisuais artistas lalinenses como Misha Bies Golas, Benxa Otero e Guillermo Aymerich compartirán protagonismo con David Ferrando Giraut-Laboral, Diego Vites e M. Zegers & Jacob TV.


Ás 20.30 horas o jazz volverá soar na praza das Pipas con Nani García Trío e Ricardo Formoso. Nani García é unha das figuras fundamentais do jazz en Galicia, cunha traxectoria de catro décadas como compositor, pianista e produtor musical. Estará acompañado polo contrabaixista Alfonso Calvo, o batería Miguel Cabana e o trompetista Ricardo Formoso.

PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

A Real Filharmonía de Galicia, dirixida por José Luis Estellés,  ofrecerá un concerto que terá lugar no Auditorio de Lalín a partir das 20:30 horas e reunirá sobre o escenario a dous destacados intérpretes do clarinete: Sergio Pires e Shirley Brill. O programa proposto para esta ocasión ofrece un percorrido por tres grandes nomes da música europea dos séculos XIX e XX Carl Niensen, Sergei Prokófiev e Richard Strauss.


Un director cunha amplia traxectoria

Á fronte da Real Filharmonía de Galicia estará José Luis Estellés, director e clarinetista cunha longa trayectoria artística e unha experiencia destacada tanto no ámbito sinfónico como no operístico e no repertorio contemporáneo.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

As Noites de Jazz, o venres e o sábado, cambian de ubicación para trasladarse ao Casino de Lalín ás 23.45. O guitarrista sevillano Carlos Moreno, máis coñecido como Kid Carlos, ten as súas raíces no blues, pero bebe das influencias do jazz, o rock ou o funk. Actuará con Wolfang Puntas, clarinetista que recibiu en 2020 a Medalla de prara no Viena International Music. O seu concerto será estrea absoluta neste festival. E o último concerto do festival será con representación local , con Pablo Sanmamed Trío e Benxa Otero. Sanmamed presenta este seu terceiro álbum de estudo baixo o título de Zugunruhe. O músico e artista multidisciplinar Benxamín Otero, intérprete e compositor no terreo da música académica, vira a outras músicas como a tradicional, o jazz ou as músicas do mundo, en diferentes proxectos, entre eles co pianista Pablo Seoane ou con Germán Díaz. É esta formación na que sobrancea o talento lalinense un cuarteto que forxa un son comunitario e inmersivo.


Unha semana repleta de música e virtuosismo que culmina co concerto de clausura ás 20 horas na Praza das Piñas a cargo da Orquestra de Clarinetes do Galicia Clarinet Fest dirixida por José Franch Ballester, considerado un dos mellores clarinetistas da súa xeración. Este gran final reunirá a todos os clarinetistas participantes, ofrecendo un espectáculo que reunirá sobre o escenario a 150 clarinetistas de todo o mundo.

PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez visitou onte aos alumnos que participan nas aulas do Clarinet Fest, unha iniciativa impulsada polo Concello de Lalín co apoio da Xunta, que ata o próximo domingo reúne a recoñecidos clarinetistas de nove países pertencentes a orquestras e universidades de prestixio. Este evento sitúa á capital do Deza nun referente musical internacional durante estes días, ao tempo que xoga un papel importante na formación e fomento de novas vocacións e promoción do talento mozo.

O programa do festival, que vai pola súa sétima edición, combina actividades formativas, clases maxistrais e obradoiros con concertos e recitais de piano e de jazz ao longo da semana. Ademais, o sábado terá lugar o IV Concurso Internacional Galicia Clarinet Fest, destinado a promover o talento novo e a excelencia interpretativa.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page