top of page

O gaiteiro Manuel Seoane de Sobrado gaña o Trofeo MacCrimmon, o máximo premio do mundo da gaita

Laura Moure/Sobrado

Un orgullo para Sobrado e para Galicia. O gaiteiro de As Cruces, en Sobrado, Manuel Seoane, acaba de facer historia ao proclamarse vencedor do Trofeo MacCrimmon, considerado o máximo galardón do mundo da gaita, no marco do Festival Intercéltico de Lorient, un dos grandes escaparates internacionais da música e da cultura celta.

Manuel Seoane co premio. (Foto publicada nas súas redes sociais)
Manuel Seoane co premio. (Foto publicada nas súas redes sociais)

Natural de Sobrado, Manuel leva tocando a gaita desde os catro anos, cando comezou a súa formación na Asociación Cultural A Maristela de Sobrado. Agora, despois de sete anos intentando alcanzar este soño, o esforzo, a constancia e o talento tiveron a súa recompensa nun dos escenarios máis importantes do mundo para este instrumento.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

O triunfo en Lorient supón un recoñecemento á súa traxectoria e, ao mesmo tempo, á tradición musical galega. Estas son as súas declaracións que fixo a través das redes sociais:

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

"A pasada fin de semana acadei o primeiro premio no Trophée MacCrimmon de Gaita no @festivalinterceltiquelorient. Non podo estar máis agradecido coa vida, nin con toda a xente que no antes, o durante e o despois se preocupou de facerme sentir a persoa máis arroupada do mundo. Agradecido a @alvaroaf_ polo gran traballo que fixo comigo no repertorio asturiano e sempre estar disposto a todo; @raul_grz por ser amigo e por amañarme todos e cada un dos problemas que puiden ter coa gaita asturiana; a @xosemiguelez por facerme ver que a música é sempre o máis importante e por facerme ver que o mellor camiño a tomar é o dun mesmo; @marie_le_cam29 por toda a axuda incondicional que me brindou no repertorio bretón todos estes anos; @daniferlop94 pola música, a compañía e o alento (e o canto jeje); @ascarizsuso por abrirme o camiño; @danibellon por sempre, sempre, sempre acompañarme no camiño e por facer que a día de hoxe sexa o gaiteiro que son. De todos os premios da miña carreira hai unha parte túa. @gaitas_seivane por sempre facer do obradoiro unha casa para min e por facer os mellores instrumentos para que a xente que queremos facer música, a poidamos facer da mellor maneira posible. @anaaaadar, amiguita, por fin podemos ir á praia 🤓. E por último, a meus pais Manolo e Rosa, que sempre o deron todo para que o seu fillo puidese estudar gaita. Este premio é de todos vós. Grazas aos meus compañeiros galegos @anton_0875 @hectorlomba_gaiteiro @ismaelgdr por todo o apoio, e tamén aos amigos asturianos @pelayogaiteru @diegogaitero95 @nelcorver e @pelayocordero_ Grazas de corazón a todos e todas. Pabliño, vai por ti".

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Dende Sobrado non agochan o orgullo por un éxito que sitúa o nome do municipio e de Galicia no mapa internacional da música celta, e así se fixo eco o Concello a través das súas redes sociais. A súa vitoria é tamén un recoñecemento ao traballo desenvolvido durante anos e ao compromiso coa gaita e coa cultura galega. "Parabéns, Manuel! Que sigas facendo soar a nosa música con tanto orgullo, talento e paixón e levando o nome de Sobrado e de Galicia por todo o mundo", sinala o Concello.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page