top of page

O Fogar de Breogán de Lalín rexorde cunha imaxe que non deixa a ninguén indiferente

Hai algo máis dun ano esta casa rural viuse afectada por un incendio e a rehabilitación está case rematada

Aspecto que presenta agora o Fogar de Breogán.


Laura Moure/Lalín

Xa pasou algo máis dun ano daquel fatídico día no que a coñecida casa rural Fogar de Breogán de Lalín se viu arrasada polas chamas. O 1 de marzo de madrugada empezou un lume que afectou a gran parte deste inmoble, situado concretamente no lugar de O Seixo, na parroquia lalinense de Santiso. As chamas calcinaron o comedor de entrada, unha palloza, que tamén funcionaba a modo de comedor, e as catro habitacións das que dispoñía. As labores de extinción foron complicadas. Pero despois da tormenta din que sempre chega a calma e xa queda menos para que as portas deste recoñecido negocio volvan abrir, xa que a pandemia tamén está provocando que a apertura sexa máis tarde do previsto.


Xa di o refrán que "o que non te mata, te fai máis forte" e que as adversidades póñenos a proba e fainos máis fortes. E o Fogar de Breogán voltará máis forte ca nunca e cunha imaxe totalmente renovada, que non deixa a ninguén indiferente.


Xornada de portas abertas

Para conmemorar o Día das Letras Galegas, este establecemento celebrou unha xornada de portas abertas para dar a oportunidade de coñecer todo o que estiveron traballando neste último ano de rehabilitación despois do incendio. "Sodes moitos os que nos estades pedindo unha reserva para o día da reapertura e sentíndoo moito non podemos comprometernos con todos, ademais, seguindo todas as medidas anticovid, sería imposible", indicaron desde este negocio a través do seu perfil de Facebook. "A obra xa está "case" rematada (dicimos case porque somos uns inconformistas e imos seguir retocando e engadindo detalles ata o final). Pero de momento aínda non decidimos que día imos empezar a dar de novo servizo de comidas. Agora mesmo tampouco está nas nosas mans, sobra dicirvos que unha obra desta envergadura depende de moita burocracia á cal nós non lle podemos poñer data. Sobre todo o mencionado, agardamos tamén que a evolución da pandemia sexa favorable nas vindeiras semanas para tomar unha decisión. E despois do ocorrido necesitamos un pouco de estabilidade tanto para os nosos traballadores coma para toda a xente que forma parte deste Fogar. Esperamos a vosa comprensión e moito sentidiño para volver á normalidade canto antes", engaden.


Hai que lembrar que foron moitas as mostras de cariño e moitos os ánimos que recibiron o propietario, Carlos Cuñarro, e todo o persoal tras o incendio e este luns tamén foron moitos os comentarios que recibiron a través das súas redes sociais, quedando marabillados do resultado da rehabilitación. E cabe dicir que hai quen compara este cambio de imaxe (como se pode aprezar na imaxe) como a casa dos Hobbits ou dos Teletubbies. Sen lugar a dúbidas, o tempo, o esforzo e, seguramente, moitas dores de cabeza valeron a pena porque a rehabilitación está quedando espectacular.

.


0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page