top of page

O festival de narración oral Atlántica chegará a 27 localidades, entre elas Lalín, Arzúa e Palas

Durante o verán haberá máis de 80 funcións con 34 narradores nacionais e internacionais


Laura Moure/Deza, Arzúa/A Ulloa

O festival de narración oral Atlántica programará este verán máis de 80 funcións en 27 localidades galegas para achegar a narración oral a todos os públicos, que este ano se celebrarán en lugares ao aire libre e de especial interese patrimonial, co apoio da Xunta de Galicia. O secretario Xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación da iniciativa e salientou a importancia de dar continuidade a propostas como esta para continuar mantendo a actividade cultural en Galicia cunha oferta variada e segura. Das comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e a Ulloa esta inicitiva levarase a cabo en Lalín, Arzúa e Palas de Rei.


“Na Xunta de Galicia somos moi conscientes das dificultades que a pandemia está a suponer ao sector cultural e seguiremos apoiando a todas as propostas que contribúan a reanimar, potenciar e apostar pola continuidade das programación e ciclos culturais con criterios de seguridade ”, indicou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Neste sentido, salientou que o Festival Atlántica axudará a impulsar a cultura durante este verán por toda Galicia, época na que a Xunta impulsará máis de 3.000 actividades por toda a xeografía galega cun investimento de máis de nove millóns de euros a través dunha oferta que abrange todas as disciplinas e dirixidas a todos os públicos. “O Plan de Reactivación da Cultura en marcha desde 2020 está a reforzar o consumo e a recuperación das industrias culturais galegas, e nesta liña seguimos traballando”, expresou Anxo M. Lorenzo. Por iso, iniciativas como o mantemento e adaptación do Festival Atlántica contribuirá a achegar certezas ao sector tendo sempre en conta a situación sanitaria en cada momento e traballando “con anticipación e diálogo”.


Os escenarios

O festival presentado hoxe contará cun total de 34 narradores nacionais e internacionais de distintos lugares do mundo como Guinea, Portugal, Brasil ou distintos puntos de España. Nesta novena edición se fará unha mención especial ao Camiño de Santiago como vehículo transmisor de historias. En total están previstas unas 80 funcións que se desenvolverán nas cidades, así como concellos como Pazos de Borbén, Teo, Lalín, Mondoñedo, Ribeira, Brión, Outes, A Estrada, Cuntis, Folgoso do Courel, Chantada, A Pobra do Caramiñal, Sarria, Palas de Rei, Arzúa, Oia, Arcade ou Castro de Rei. Escolleranse lugares de especial interese patrimonial ou natural como o Castro de Castrolandín, os Castelos de Castro Douro e da Frouseira ou a Colexiata do Sar, onde está prevista unha actuación conxunta ao redor do Camiño de Santiago, entre outras localizacións. Serán de balde.

A iniciativa incluirá a participación de narradores como Thomas Bakk, Marcelo Ndong, Sofia Maul, Valter Peres, Eugenia Manzanera, José Luis Gutiérrez ‘Guti’, Leticia Ruifernández, Pep Bruno, Anxo Moure, Atenea García, Avelino González, Brais das Hortas, Cándido Pazó, Celso F. Sanmartín, Charo Pita, Cris de Caldas, Fátima Fernández, Fran Campos, Larraitz Urruzola, Lorena Pinheiro. Ademais, contarase coa participación de Luis Prego, Manuel Gago, Marga Alborés, Marta Ortiz, Pakolas (Paco Cerdeira), Paula Carballeira, Pavís Pavós, Quico Cadaval, Ramiro Neira, Raquel Queizás, Santi Prego, Soledad Felloza, Vero Rilo e Xurxo Souto.


En Lalín esta iniciativa, pensada para o público adulto, terá lugar o 2 de xullo, ás 20:00 horas, na carballeira do Rodo a cargo de Quico Cadaval e o seu espectáculo Autoestradas e corredoiras. E o 4 de xullo na Alvariza de Ramón, Finca Zarra dos Curtizos (Zobra), ás 19:00 horas, Avelino González chega con Abellas vir, un enxame de contos


Mentres na proposta infantil e familiar a capital dezá acollerá, o 4 de xullo no Museo Municipal Ramón María Aller, ás 18:00 horas, a iniciativa A festa dos monicreques de Larraitz Urruzola.


O resto de programación está disponible en www.festivalatlantica.gal aínda que todavía está sen concretar a de Arzúa e Palas de Rei.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page