top of page

O evento Xóvenes Talentos terá lugar os días 24, 25 e 26 de setembro no EcoHotel Nós de Silleda

Nace a raíz do ambicioso proxecto da Fundación Baiuca Verdescente que aposta polo talento humano como motor de progreso, dinamización e modernización do noso rural

Laura Moure/Silleda

Hoxe, xoves 5 de agosto, o EcoHotel Nós acolleu un almorzo – presentación do evento Xóvenes Talentos, que terá lugar os días 24, 25 e 26 de setembro en Silleda tras os aprazamentos provocados pola crise sanitaria. O evento Xóvenes Talentos nace a raíz do ambicioso proxecto creado pola Fundación Baiuca Verdescente que aposta dunha forma decidida polo talento humano como motor de progreso, dinamización e modernización do noso rural. Baixo este ansiado obxectivo, a entidade sen ánimo de lucro está a reunir á mocidade de entre 20 e 31 anos máis talentosa das comarcas do Deza e Tabeirós – Terra de Montes ou que gardan algún tipo de vínculo coas mesmas. Para lograr conectar aos mozos e mozas con talento nos máis diversos ámbitos (artístico, musical, xurídico, económico, científico...) creouse un grupo na plataforma LinkedIn para que, baixo a filosofía who is who, as persoas participantes poidan coñecerse e comezar a tecer unha forte rede.

Asistentes á presentación.

Por outra banda, a Fundación Baiuca Verdescente traballa na posta en marcha dunha base de datos coa información académica e profesional dos talentos coa finalidade de favorecer o emprendemento na zona e aumentar as oportunidades laborais e de negocio dos mesmos. Para acadar este propósito, a fundación espera asinar nos próximos meses acordos con diversas organizacións que recollan o compromiso das mesmas de apostar polo talento da zona.


A presidenta da Fundación Baiuca Verdescente, Nieves López – Neira de la Torre, expuxo na súa intervención os principais obxectivos de Xóvenes Talentos:

  • Atraer aos xóvenes máis talentosos do Deza e Tabeirós Terra de Montes para crear unha gran rede de talento rural na que se xeren oportunidades profesionais, laborais e de negocio para a mocidade.

  • Lograr o arraigo dos mozos e mozas que tiveron a oportunidade de desenvolver o seu futuro noutros territorios así como das persoas que se viron na obriga abandonar as comarcas, para que nunca perdan o sentido de pertenza e volvan á súa terra de orixe polo menos nunha ocasión ao ano, coincidindo co evento.

  • Conseguir que as persoas que residen na zona sintan orgullo de pertenza e os que se atopan fora queiran volver a un lugar que tamén é o seu fogar.

  • Celebrar un gran evento anual onde a mocidade teña un espazo para compartir experiencias, coñecementos e talento entre si e con persoas expertas nos máis diferentes campos.


López – Neira afirmou que “investir en talento humano é garantir un futuro digno e próspero para o noso rural” e defendeu a necesidade de unir forzas entre todos os axentes sociais para desenvolver un orgullo de pertenza cara unhas comarcas que teñen “un potencial aínda sen descubrir, cuns recursos naturais, culturais e humanos únicos no mundo”. E lembrou ás persoas asistentes que “a nosa zona sempre foi exportadora dun talento que agora percorre o planeta colleitando éxitos, pero estas persoas nunca deben esquecer o lugar de onde veñen nin poden perder vinculación coa súa terra, e aí estaremos nós co proxecto Xóvenes Talentos para impedilo”. Para finalizar, a presidenta da entidade destacou que se trata dunha oportunidade única que non debemos deixar escapar porque “necesitamos o talento para progresar como sociedade”, un talento que quedará representado a través das seguintes moedas:

  1. Moeda de madeira: entregaránselle aos mozos e mozas de entre 20 e 31 anos en representación do seu talento.

  2. Moeda de prata: dirixida ás persoas que xa desenvolveron en gran medida o seu talento, pero que teñen aínda percorrido ata alcanzar o ouro.

  3. Moeda de ouro: reservada para as persoas que levaron o seu talento ao máximo, contando cun enorme éxito persoal e profesional, e destacando polo forte compromiso coa zona.

Entrega das moedas

Estas moedas serán entregadas no Evento Xóvenes Talentos, que espera converterse na cita máis importante do ano no rural, e repetirse de forma anual ata consolidarse e alcanzar os obxectivos anteriormente sinalados. Nesta ocasión, terá lugar no EcoHotel Nós (Silleda) os días 24, 25 e 26 de setembro.

VENRES 24 DE SETEMBRO: A tarde - noite do venres 24 de setembro acollerá a apertura de Xóvenes Talentos coa recepción das persoas panelistas, xóvenes talentos, empresariado da zona, autoridades e persoas de influencia das comarcas. As persoas asistentes poderán gozar dunha sesión de astronomía ao tempo que teñen unha primeira oportunidade para conectar e xerar sinerxías.

SÁBADO 25 DE SETEMBRO: Baixo o formato tête à tête, as persoas participantes terán unha nova oportunidade de coñecerse, aumentar os seus “contactos”, compartir diversos puntos de vista e experiencias así como desfrutar dun día cheo de sorpresas e emocións do que poden derivar grandes proxectos persoais e profesionais. Entre os / as panelistas que acompañarán aos talentos atópanse as seguintes persoas de relevancia nos máis diversos ámbitos do saber:

o Marisol Soengas, prestixiosa científica galega con proxección internacional.

o Eduardo Blanco, destacado actor arxentino con orixes no Deza.

o Ana Pardo de Vera, xornalista galega de ámbito nacional.

o Cristina Pichel, Directora Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

o Carmela Mola, moza emprendedora e exemplo a seguir.

o Elena Ferro, zoqueira galega que ven de recibir o Premio Nacional de Artesanía.

o Iago de la Campa, escritor galego.

o Sergio Rodríguez, compositor e músico galego.

o David Amor e Cristina Collazo serán as persoas encargadas de conducir o evento e moderar ambas mesas de debate que se desenvolverán a través dun formato aberto e participativo entre os panelistas e os mozos e mozas asistentes.

Andrés Seoane, responsable de comunicación da Fundación Baiuca Verdescente, destacou que será un “auténtico espazo de networking que conformará unha imparable rede de talento mozo que reverterá de forma moi positiva na nosa comunidade ao tempo que se afianza un forte compromiso social”; Paula Rivela, responsable de proxectos, puxo en valor a importancia da solidariedade como forma de acadar un mundo mellor, destacando o gran talento das persoas voluntarias de Baiuca Verdescente e o seu forte compromiso social.

DOMINGO 26 SETEMBRO: A Vía da Prata será escenario dun evento deportivo de alto nivel no que participarán celebridades do mundo do deporte e que tomará como modalidade a de relevos xa que representa á perfección os valores de compañeirismo, traballo en equipo e solidariedade tan presentes no evento Xóvenes Talentos.

Para finalizar, a presidenta Nieves López – Neira de la Torre quixo agradecer ao Banco Sabadell, Xunta de Galicia, Xacobeo 2021-22, EcoHotel Nós e Arlit a súa inestimable colaboración co proxecto e evento Xóvenes Talentos e anima a sumarse a todas aquelas organizacións e institucións públicas e privadas que confíen no talento como unha auténtica inversión en futuro.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page