O eterno sorriso de Pilar: a profesora da EFA Piñeiral de Arzúa que faleceu nun accidente de tráfico
- ecosdacomarca
- hace 2 horas
- 2 Min. de lectura
O xoves día 19 durante a mañá celebrarase na Efa Piñeiral unha misa na súa memoria
Ecos da Comarca/Arzúa
Este venres tivo lugar un tráxico accidente de tráfico entre dous vehículos no que faleceu unha persoa. Ás 15:40 horas, un particular alertou ao 112 Galicia dun accidente no quilómetro 671 da N-634, á altura da parroquia curtiense de Fisteus. https://www.ecosdacomarca.com/post/unha-colisi%C3%B3n-entre-dous-veh%C3%ADculos-deixou-unha-persoa-falecida-e-outra-ferida-en-curtis A vítima é Pilar Díaz, profesora na EFA Piñeiral de Arzúa onde tamén exerceu hai anos o cargo de directora.
A EFA Piñeiral envíou hoxe o seguinte obituario:
Obituario
O eterno sorriso de Pilar
Pilar Díaz- Caso (Tineo, 1969-Santiago, 2026) ex directora da EFA Piñeiral
“Agora que todo o mundo fala do problema da España baleirada, nós poñemos o noso graniño de area para que haxa actividade económica no medio rural”. Isto contaba Pilar Díaz- Caso fai máis dun lustro. Facíao falando do labor da EFA Piñeiral, en Arzúa, un dos tres centros da Federación Efas de Galicia, de cuxo equipo docente formaba parte e foi a directora durante un tempo.

Pilar faleceu o pasado venres, vítima da colisión frontal entre dous vehículos ocorrida en Fisteus (Curtis). O feito conmocionou tanto a docentes e alumnos da Efa Piñeiral como na comarca de Arzúa: “Acabo de decatarme e aínda estou impactado. Síntoo moitísimo, persoalmente gárdolle un enorme aprecio profesional e sobre todo un recordo imborrable de boa persoa”. Era a mensaxe dun empresario e colaborador de Piñeiral. E é que desde a súa chegada á EFA Pilar apostou por impulsar as relacións do centro con institucións, axentes sociais, tecido asociativo e empresarial.
Publicidade
“Inculcar aos alumnos o compromiso social e a necesidade de que tomen as rendas do desenvolvemento do seu lugar de orixe é un obxectivo prioritario de Piñeiral”, salientaba esta muller nada en Asturias; que pasou gran parte da súa vida en Valladolid e desde 2016 residía en Santiago de Compostela.
Tras estudar económicas desenvolveu a súa actividade en entidades e institucións do terceiro sector e da formación, sempre moi vencellada á responsabilidade social corporativa e ao desenvolvemento rural. Pilar compaxinaba o seu labor docente con tarefas de coaching xa que se formou tamén en intelixencia emocional.
“Grande profesional, pero sobre todo grande persoa. Sorte tivemos os que te coñecimos e disfrutamos de ti, do teu saber e do teu carisma”; “Os que a coñecimos fomos afortunados polas súas ensinanzas, polos seus ánimos, polos seus consellos...” son algunas das declaracións que alumnado e antiguo alumnado da Efa Piñeiral están a trasladar tras coñecerse o seu pasamento.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

“Pilar foi unha compañeira no sentido máis amplo da palabra. Unha persona dunha extraordinaria calidade humana e profesional capaz, en pouco tempo, de facerse co respeto e cariño de toda a comunidade educativa e social”, manifesta Raquel Carregal, actual directora da Efa Piñeiral.
Do seu carácter destacan quen a coñecía que sempre poñía ás persoas en primeiro lugar e, sobre todo, aluden ao seu sorriso permanente, ese co que a queren lembrar porque “é un sorriso eterno”".
Efa Piñeiral. Arzúa, 14 de febreiro de 2026.
O vindeiro xoves día 19 durante a mañá celebrarase na Efa Piñeiral unha misa na súa memoria.



