O espectáculo musical de Roi Casal ‘Son galego, son cubano’ en homenaxe a Neira Vilas chega a Camba
- Laura Moure
- 12 may 2022
- 1 Min. de lectura
Terá lugar este venres día 13 na avenida Aviador Gumersindo Areán a partir das 23:00 horas e con entrada libre
Laura Moure/Rodeiro

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu este mércores en Rodeiro á presentación do espectáculo musical Son galego, Son cubano, do cantante Roi Casal, promovido pola Xunta de Galicia a través da Rede de Dinamización Lingüística que busca homenaxear aos emigrantes galegos que, desde Cuba, axudaron a conformar a identidade galega dándolle protagonismo aos textos do escritor cruceño Xosé Neira Vilas.
O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade sinalou que se trata “dun traballo moderno e actual que conecta as dúas beiras do Atlántico e a propia comarca do Deza, e faino a través da literatura en lingua galega, dos poemas dun autor clásico que non deixou de ser galego cando estivo en Cuba e que sempre se esforzou por manter viva e activa a presenza da nosa comunidade na illa caribeña”. Tamén asistiron á presentación o alcalde de Rodeiro, Rubén Quintá, os concelleiros Pablo Sobrado e Belén Calvo e o propio cantautor Roi Casal.
A través da música, Casal recorda a importante presenza de galegos en Cuba, en cuxa capital naceron varios dos símbolos da identidade galega como o himno, a bandeira e a Real Academia Galega. O espectáculo terá lugar este venres día 13 na avenida Aviador Gumersindo Areán de Rodeiro a partir das 23:00 horas con entrada libre.
Comments