A Fundación Semana Verde aproba as contas de 2024 con superávit
- Laura Moure

- 21 jun 2025
- 2 Min. de lectura
Pecha o semestre con crecemento nos resultados de todos os seus eventos
Laura Moure/Silleda
A Fundación Semana Verde de Galicia celebrou este venres no recinto feiral a reunión do seu Padroado, a cal estivo presidida polo secretario xeral técnico da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Francisco Javier Abad, en calidade de vicepresidente do Padroado.

No encontro aprobáronse as contas do ano 2024, nas cales a Fundación rexistrou novamente superávit, cunha cifra de 64.495€, e unha facturación que superou os 3,9
millóns de euros. Resultados dun exercicio no que tiveron lugar 19 eventos maiores e 25 menores, ademais das sesións da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA, que con
39.625.775€ aumentou as súas transaccións nun 17,4% respecto ao ano anterior e
volveu rexistrar o maior volume de facturación da súa historia.
Por outra banda, no encontro fíxose balance das actividades destes primeiros seis
meses do ano, nos cales se celebraron 11 eventos maiores e 10 menores, ademais de
22 sesións da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA.
Publicidade
Respecto a estas citas do primeiro semestre, son destacables os resultados da 47ª
Abanca Semana Verde de Galicia, a máis internacional dos últimos vinte anos e a mellor
dos últimos 18 en canto a expositores directos, con 758 empresas e entidades, ademais
de recibir 112.200 visitantes, un 32% máis que o ano pasado e a mellor cifra dende
antes da pandemia. Tamén medraron o certame agropecuario Abanca Cimag-
GandAgro, con 174 expositores que supuxeron un 3,5% máis que na anterior cita e
19.813 visitantes que significaron unha concorrencia un 4,3% maior, e a feira de
seguridade, defensa e emerxencias Sedexpo, a cal chegou aos 99 expositores, un
19,2% máis e aos 4.016 metros cadrados netos, un 11% maior.
Por outra banda, foron salientables os datos da Central Agropecuaria ata a poxa do
pasado martes 17 de xuño, sendo moi superiores tanto en asistencia como en
transaccións respecto á mesma data do ano pasado. Así, ata esta sesión asistiron
29.212 animais, un 24,7% máis que os rexistrados a estas alturas en 2024, mentres que
as transaccións ascenderon a 28.471.021€, un 74% máis. Ademais, neste período a
Central acadou sete récords en canto a cifras nunha sesión, relativos á facturación
conxunta, transaccións en cada unha das categorías e prezos medios tamén en todas as
categorías.
Publicidade
Segundo semestre con gran actividade
A notable actividade da Fundación nesta primeira metade do ano continuará tamén na segunda. Así, xa están fixadas diversas citas, entre elas a feira do transporte de viaxeiros por estrada ExpoBus Iberia, que terá lugar en novembro, ou a party informática XGN Intermax, que se celebrará en outubro. Así mesmo, acollerá distintos eventos realizados por outras entidades, como Equina, a Galican Agility Cup ou o Campionato Galego de Formación Profesional, GaliciaSkills 2025.








Comentarios