O Enredos Fest volve ao Auditorio Manuel Dopazo da Bandeira cunha fin de semana de teatro o 13 e 14
- Laura Moure

- 6 jun
- 2 min de lectura
Laura Moure/Silleda
O Auditorio Manuel Dopazo da Bandeira acollerá os vindeiros días 13 e 14 de xuño a segunda edición de Enredos Fest, o festival de teatro afeccionado que volve ao municipio da man de Enredos Teatro e o Concello de Silleda.

A programación desta nova edición inclúe dúas funcións teatrais, que se desenvolverán durante a fin de semana no auditorio bandeirés, consolidando esta cita como un espazo para dar visibilidade ao teatro afeccionado e achegar as artes escénicas á veciñanza.
O festival abrirase o sábado 13 de xuño, ás 21:00 horas, coa compañía anfitriona, Enredos Teatro, que representará a obra As ladroas somos xente honrada, baixo a dirección de Amorodio. A segunda proposta chegará o domingo 14 de xuño, ás 19:30 horas, coa compañía Teatro Pesadelo, que porá en escena Xa é hora, unha montaxe baseada na obra de Tomás Afán e dirixida por Paco Luna.
PUBLICIDADE
A alcaldesa, Paula Fernández, destaca que “Enredos Fest é unha oportunidade para seguir apoiando o teatro afeccionado, que ten un papel moi importante na dinamización cultural e na participación veciñal”. A rexedora sinala que “a cultura tamén se constrúe desde o territorio, desde os grupos locais e desde todas esas persoas que, con ilusión e compromiso, manteñen viva a actividade teatral”.
Fernández pon tamén en valor o traballo de Enredos Teatro, “un colectivo que contribúe a enriquecer a vida cultural do municipio, achegando propostas escénicas e creando espazos de encontro arredor do teatro”.
PUBLICIDADE
Desde o Concello de Silleda anímase á veciñanza a participar nesta nova edición de Enredos Fest e a desfrutar dunha fin de semana na que o Auditorio Manuel Dopazo volverá abrir o pano ao talento, ao humor, á emoción e á creatividade do teatro afeccionado.








Comentarios