top of page

O director do Museo de Aquitania coñece Silleda nunha visita a través do irmandamento con Canéjan

Laurent Védrine foi recibido na Casa do Concello pola alcaldesa, Paula Fernández, e pola concelleira de Turismo, Mónica González


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda recibiu onte a visita de Laurent Védrine, director do Musée d’Aquitaine de Burdeos, que se achegou ao municipio no marco das relacións existentes con Canéjan, vila francesa irmandada con Silleda.


Védrine foi recibido na Casa do Concello pola alcaldesa, Paula Fernández Pena, e pola concelleira de Turismo, Mónica González, nun encontro no que se abordou a importancia da conservación, divulgación e posta en valor do patrimonio local e as posibilidades que ofrecen este tipo de intercambios para estreitar vínculos culturais entre ambos territorios.

Laurent Védrine é conservador xefe do patrimonio e director do Musée d’Aquitaine, unha das institucións culturais de referencia de Burdeos, dedicada á historia da cidade e da rexión de Aquitania, con coleccións que abranguen desde a Prehistoria ata a época contemporánea. Antes de asumir a dirección do museo bordelés exerceu, entre outros cargos, como director do Museo de Historia de Marsella.


Durante a recepción, o director do museo francés asinou no Libro de Honra do Concello de Silleda, deixando constancia da súa visita ao municipio, onde puxo en valor os beneficios de irmandamentos como o que Silleda mantén con Canejan dende 2016.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

A xornada continuou cun percorrido por dous espazos especialmente representativos do patrimonio silledense. Védrine coñeceu o Museo do Campo e da Mecanización, onde puido achegarse á historia do rural, da agricultura e da evolución das ferramentas e maquinaria empregadas no campo, e posteriormente visitou o Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, un dos principais referentes históricos e monumentais do municipio.


A alcaldesa, Paula Fernández, destacou a relevancia de recibir en Silleda a profesionais vinculados á xestión e conservación do patrimonio. “Para nós é unha satisfacción que unha persoa cunha traxectoria como a de Laurent Védrine poida coñecer de primeira man unha parte do noso patrimonio. Temos recursos culturais, históricos e etnográficos de enorme valor e visitas coma esta permítennos tamén intercambiar experiencias e novas miradas sobre a maneira de conservalos e dalos a coñecer”, sinala.


Fernández incidiu ademais no papel que seguen a desempeñar os irmandamentosç europeos. “O vínculo con Canéjan vai moito máis alá dos encontros institucionais. Ao longo destes anos permitiunos crear relacións entre persoas, colectivos e entidades, compartir experiencias e abrir novas vías de intercambio cultural. Esta visita é outro bo exemplo das oportunidades que nacen destes lazos”, engade.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Silleda e Canéjan manteñen relacións de irmandamento desde 2016, coa sinatura definitiva do acordo en agosto de 2017, e desde entón téñense sucedido os intercambios culturais e as visitas entre ambas localidades.


Desde o Concello valorouse tamén especialmente o interese amosado por Védrine tanto polo patrimonio etnográfico ligado ao mundo rural como por Carboeiro, e a oportunidade de seguir dando a coñecer fóra de Galicia os recursos culturais e turísticos do municipio.


“Queremos que quen nos visita leve consigo unha visión de Silleda que non se limite a un único recurso, senón que descubra a enorme riqueza que temos: patrimonio monumental, paisaxe, cultura e unha memoria rural que forma parte fundamental da nosa identidade”, conclúe Paula Fernández.


Védrine amosouse especialmente sorprendido polo conxunto monumental de Carboeiro e pola súa integración na contorna natural. “É un lugar dunha enorme beleza, tanto polo propio mosteiro como pola paisaxe que o rodea. A combinación entre patrimonio, natureza e historia fai deste enclave un espazo realmente especial”, destacou.


A N 525 pechada ao tráfico

Por outra banda, o Concello lembra que a estrada N-525 ao seu paso pola localidade da Bandeira volverá pecharse ao tráfico un ano máis con motivo das Festas de Verán. O Ministerio de Transportes e a DXT aceptou a solicitude formulada dende o Concello para proceder ao corte entre o venres 21 e a madrugada do vindeiro luns 24.


Dende o goberno municipal agradécese á Administración central que volvan permitir o desvío do tráfico, unha medida moi necesaria por motivos de seguridade dada a gran afluencia de persoas que se achegan durante estes días á localidade.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Así mesmo, e ao igual que en anos anteriores, faise un chamamento á colaboración cidadá lembrando que está prohibido parar e aparcar en todas as rúas nas que se habilitará o desvío (Fernando Penoucos, rúa do Parque e o tramo de Ramón de Valenzuela). Solicítase a colaboración cidadá para respectar as sinais de tráfico e lograr que as festas transcorran sen contratempos.


Ademais de bandos informando dos cortes tamén se colocarán avisos para lembrar aos veciños e visitantes a prohibición de estacionar nas rúas nas que se habilita o desvío durante as tres xornadas.


Tamén dende o venres estará prohibido estacionar na rúa Xeral e no tramo entre rúa da Empanada e rúa Lavadoiro (agás vehículos autorizados). Por outra banda, o luns 24 será xornada de festivo local no municipio de Silleda con motivo das Festas de Verán da Bandeira.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page