O cruce entre a Avenida do Parque, Santa Olaia e Castros de Toiriz, pechado ata o martes 11 pola noite
Comezan os traballos de asfaltado das pistas de Cira cun investimento de máis de 400.000 euros
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda informa de que, por romendacións do persoal técnico responsable das obras, o cruce entre a Avenida do Parque, Santa Olaia e Castros de Toiriz permanecerá pechado ao tráfico ata a noite do vindeiro martes, día 11.
Os traballos de colocación da pedra neste punto están xa rematados, pero os técnicos aconsellan evitar a circulación de vehículos durante estes días para garantir o correcto asentamento do pavimento.
PUBLICIDADE
Como consecuencia deste peche, manterase tamén vixente ata o martes 11 a prohibición de estacionamento na rúa Tralaseiras, necesaria para facilitar os desvíos de tráfico.
A previsión é que a circulación polo cruce poida reabrirse con normalidade ao
longo da xornada do mércores 12 de agosto. O Concello agradece novamente a comprensión e colaboración da veciñanza ante as molestias ocasionadas durante a execución das obras.
Por outra banda, o Concello de Silleda vén de iniciar os traballos de asfaltado incluídos na actuación de mellora viaria da parroquia de Cira, adxudicada á empresa Taboada y Ramos e que conta cun investimento superior aos 400.000 euros.

A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, visitou onte os traballos acompañada pola concelleira Ángela Troitiño e por responsables da empresa adxudicataria, comprobando sobre o terreo o avance dunha actuación moi demandada pola veciñanza da parroquia.
As obras inclúense no programa municipal de actuacións no rural aprobado ao abeiro do crédito de 1.750.000 euros destinado á mellora de pistas e camiños en distintas parroquias do municipio, unha iniciativa que contou co apoio de toda a Corporación municipal.
PUBLICIDADE
No caso de Cira, os traballos contemplan intervencións en distintos puntos da parroquia, con actuacións en lugares como Santa Baia, Sobrado e Vilar, así como en varios núcleos, entre eles Altamira, Fucarelos e O Candao. As obras teñen como obxectivo principal renovar a capa de rodadura e mellorar as condicións de seguridade e accesibilidade nos camiños municipais.
Paula Fernández destacou durante a visita a importancia do inicio desta fase dos traballos, destacando que se comezou executando unha primeira capa de regularización básica para que a capa de rodadura final quede nas mellores condicións de durabilidade.
PUBLICIDADE
Fernández lembrou que a execución das obras viuse condicionada por circunstancias alleas ao Concello despois de que a empresa inicialmente adxudicataria renunciase ao contrato. “Sabemos que estes meses de demora xeraron preocupación e impaciencia
entre a veciñanza, e por iso agradecemos especialmente a súa comprensión. Agora o importante é que a obra está en marcha e que Cira contará cunha destacada mellora na súa rede viaria”, concluíu Paula Fernández.
PUBLICIDADE
As obras continuarán ata o vindeiro venres 14, data na que a empresa colle vacacións ata o 24, día no que se retomarán os traballos. “Confiamos en que os traballos avancen segundo a planificación establecida e quede únicamente o ramal da igrexa para realizar a partir do 24 próximo”, engade a alcaldesa e responsable municipal de Obras.











Comentarios