O Cross de Santiso cumpre 40 anos correndo pola cultura, o deporte e a comunidade
- Laura Moure

- hace 2 horas
- 2 Min. de lectura
A cita que será este sábado, 30 de maio, conta con 1.119 inscritos
Laura Moure/Santiso
Hai xa catro décadas que un grupo de profesores e profesoras de Santiso entendeu que o deporte era moito máis ca unha simple competición. Aquel proxecto, nacido coa ilusión de fomentar valores como o esforzo, a convivencia, a unión e o sentimento de pertenza, converteuse co paso do tempo nun dos eventos máis queridos e representativos deste municipio. Falamos do Cross de Santiso que se disputará o vindeiro sábado, 30 de maio e cumprirá o seu 40 aniversario.
PUBLICIDADE
Corenta anos despois, o Cross de Santiso continúa mantendo vivo ese espírito fundacional, demostrando que o deporte pode ser tamén unha ferramenta para fortalecer os lazos dunha comunidade e para impulsar iniciativas culturais que enriquecen a vida do pobo.

Nesta edición tan especial, a organización presentou a camiseta oficial que vestirán as participantes e os participantes da andaina. Unha peza cargada de simbolismo que foi presentada por integrantes do recentemente creado Club de Lectura de Santiso, un proxecto que non deixa de medrar e que xa reúne a numerosas veciñas e veciños arredor dos libros, da lectura e da cultura.
A celebración do 40 aniversario contará ademais cun espazo na propia cita deportiva dedicado á creación literaria local. Así o sábado instalarase unha pequena carpa cultural na que dous autores de Santiso darán a coñecer as súas últimas publicacións. Entre os convidados estarán a escritora Ángeles López Mouriño de Ribadulla, que presentará a súa obra Mi vida con PCI, libro que presentou o pasado sábado en Visantoña, e o autor Carlos de Barazón, que achegará ao público o seu libro As terras máxicas de Barazón.
Desde o Concello de Santiso destacan que ambos serán dous dos protagonistas dunha edición que pretende render homenaxe a todas as persoas que, ao longo destes 40 anos, contribuíron a facer medrar unha iniciativa que xa forma parte da historia de Santiso.
PUBLICIDADE
Nesta edición, tal e como se publica na súa páxina oficial, hai 1.119 inscritos repartidos así por categorías:
(Toda a información desta cita: https://crossdesantiso.com/)
Catro décadas despois da súa creación, o Cross de Santiso segue avanzando co mesmo paso firme dos seus inicios: correndo xuntos polo deporte, pola cultura e por unha comunidade que continúa escribindo a súa historia colectiva.








Comentarios