top of page

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes reúnese co alcalde de Lalín

Román Rodríguez salienta que empresas como Toupiña acreditan que se pode innovar tamén desde o rural

Laura Moure/Lalín

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, reuniuse co alcalde de Lalín, José Crespo, para abordar as principais necesidades do municipio e avaliar posibles vías de colaboración no marco do compromiso da Xunta coas entidades locais.


Por outra banda, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, visitou onte en Lalín a empresa Toupiña, beneficiaria do programa Nexos, unha iniciativa da Xunta de Galicia destinada a impulsar proxectos de I+D+i en colaboración con empresas.

 PUBLICIDADE

O titular de Ciencia, que estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo,  puxo a esta firma como exemplo do potencial innovador do tecido empresarial galego e destacou que programas como Nexos “permiten establecer sinerxías e colaboracións entre empresas e contar co apoio de centros de coñecemento, facilitando que a investigación se traduza en solucións aplicables e con impacto directo na sociedade”. Neste sentido, incidiu en que a cooperación público-privada “é clave para avanzar cara a un modelo máis competitivo e baseado no coñecemento”. Así mesmo, subliñou o papel da empresa na extensión da innovación por todo o territorio galego, incluído o ámbito rural, contribuíndo a un desenvolvemento máis equilibrado e sostible.


O programa Nexos do Goberno autonómico está dotado con 22,6 millóns de euros para o período 2026-2028 e apoia o desenvolvemento de 37 proxectos nos que participan 138 empresas en ámbitos estratéxicos para Galicia. Segundo explicou o conselleiro durante a visita, “este investimento permitirá mobilizar preto de 40 millóns euros, reforzando o ecosistema galego de innovación e a capacidade científico das nosas empresas”. Poténciase así a I+G+i, a ciencia e a innovación feitas na nosa Comunidade, como marca Galicia Calidade.

Descrición do proxecto

No caso concreto de Toupiña, a compañía participa no proxecto SIMBIOGAL, que conta cunha achega de case 350.000 euros ao abeiro deste programa da Xunta. Esta iniciativa céntrase na investigación de novos ingredientes bioactivos, como prebióticos e simbióticos, a partir da biomasa de castiñeiro, orientados a aplicacións alimentarias innovadoras. A través destes compostos, trabállase no deseño e validación de produtos funcionais como salsa de tomate negro, marmelada de arando azul ou bebidas tipo kombucha, garantindo as súas propiedades nutricionais, sensoriais e microbiolóxicas.


Este proxecto desenvólvese en colaboración con outras entidades e empresas, en concreto, con Boibel Forestal, Infonova Soluciones Tecnológicas e a Universidade da Coruña, a través do grupo Biobased Products. Kalinka Lagazos, como líder do consorcio, achega a súa experiencia e capacidade técnica, apostando por liñas de investigación centradas no desenvolvemento de alimentos e bebidas saudables e sostibles.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page