Durante a visita Román Rodríguez animou a empresas e centros de investigación a optar á nova convocatoria Nexos que se lanzará este ano
Laura Moure/Lalín
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou onte a firma lalinense Proquideza, especializada no deseño e fabricación de especialidades químicas, para animar a empresas e centros tecnolóxicos a optar á nova liña de axudas Nexos que lanzará o Goberno galego ao longo do segundo trimestre deste ano 2025.
Dotada con máis de 20 M€ prevé chegar a 50 proxectos e 200 beneficiarios co fin de apoiar proxectos de I+D+i en colaboración con centros de coñecemento.
Entre as novidades da convocatoria destaca a priorización dun número reducido de ámbitos temáticos e a incorporación de custos simplificados na xustificación das axudas, evolucionando así o programa ConectaPeme que funcionaba anteriormente. Durante a vixencia deste último programa, Proquideza foi beneficiaria de tres proxectos: INNOCLEN, TIM-RES e EXTRACTUS, polos que recibiron un total de 389.584 €.

Con esta nova convocatoria o Goberno galego quere continuar impulsando o vinculo entre empresas e centros tecnolóxicos para impulsar a transferencia de coñecemento e fortalecer o eido científico en Galicia en beneficio da sociedade. “Continuaremos traballando para seguir transformando o tecido empresarial e incrementando os niveis de colaboración público-privada, así como o número de profesionais dedicados á investigación e a modernización de infraestruturas e equipamentos de I+D+i”, sinalou o representante da Xunta.
Máis de 24 anos de experiencia
O titular de Ciencia coñeceu as instalacións de Proquideza e puido ver de cerca o seu traballo nos sectores agropecuarios, alimentario e industrial. Ademais, esta empresa de Lalín ofrece servizos de formulación de produtos a medida, control de procesos de hixiene e formación especializada co obxectivo de optimizar os procesos dos seus clientes e garantir o cumprimento da lexislación sanitaria vixente.
Publicidade
Este traballo reflíctese nos proxectos nos que participaron a través das axudas da Axencia Galega de Innovación. Concretamente, INNOCLEAN tiña como obxectivo a procura de novos produtos e procesos para a limpeza en distintos sectores, tanto gandeiros como gericultura ou formigóns autolimpiantes, un traballo que posibilitou que a día de hoxe sigan comercializando os produtos resultantes deste proxecto. O traballo TIM-RES procurou novos produtos para o tratamento de madeira, sobre todo o antizulado, así como novos procesos para lograr madeiras de mellor calidade. Finalmente, o proxecto EXTRACTUS buscaba a utilización de extractos de plantas para a súa utilización en diferentes produtos químicos.
コメント