top of page

O Concurso de Escaparates de Nadal da AED e do CCA outorga a “El Gato Presumido” o primeiro premio

El Vestidor de Chloé e Guerra conseguen o segundo e o terceiro premios, respectivamente, e Panadería Serra do Candán recibe unha mención especial


Laura Moure/Lalín

O xurado do Concurso de Escaparates de Nadal organizado pola Asociación de Empresari@s de Deza e o Centro Comercial Aberto (CCA) de Lalín decidiu outorgarlle a El Gato Presumido o primeiro premio desta edición, consistente nun diploma e na cota de asociado gratuíta durante un ano. O segundo premio -un diploma e seis meses da cota de asociado gratis- foi para El Vestidor de Chloé e o terceiro, para Guerra -un diploma e tres meses da cota de asociado gratis-, mentres que Panadería Serra do Candán recibirá un diploma como mención especial.

O escaparate gañador.

Nesta edición do concurso, o xurado estivo conformado pola secretaria técnica da AED, Chus García; a concelleira de Comercio, Karen Fernández; e María Helena González Lois, docente na área de Comercio do IES Pintor Colmeiro de Silleda. Tras visitar os 20 comercios participantes o pasado día 22 de decembro, as integrantes do xurado emitiron o seu veredicto atendendo a criterios de orixinalidade e innovación, iluminación comercial e exposición do propio produto.


Aprazamento de actividades

Por outra banda, a AED acordou hoxe pospoñer “ata novo aviso” as actividades de dinamización previstas para o domingo, o luns e o martes no marco da campaña “O Nadal de Lalín... mola”, debido á predición de chuvia e á evolución da Covid-19 cun notable incremento de casos. Así, os obradoiros de xogos populares, graffiti e danza urbana, xunto co anteriormente cancelado de fútbol freestyle e a actuación musical de Perros de antes, celebraranse en novas datas que se anunciarán con suficiente antelación.


Finalmente, desde a AED aprovéitase para felicitar ao asociado Proquideza pola súa iniciativa de apoio ao comercio local consistente en substituír o gasto da tradicional cea de Nadal cos empregados, que foi cancelada debido á Covid-19, por vales de compra de 100 euros para gastar nos comercios asociados á AED.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page