O concurso As Feiras Tradicionais da Asociación Feiral Semana Verde acada a terceira edición
O alumnado da ESO de toda Galicia pode entregar os seus traballos ata o 31 de xaneiro
Laura Moure/Silleda
A Asociación Feiral Semana Verde de Galicia vén de convocar a terceira edición do seu concurso ‘Feiras Tradicionais Galegas’, aberto á participación dos alumnos e alumnas dos centros de Ensino Secundario Obrigatorio (ESO) de toda a comunidade autónoma. Trala participación de máis de 150 traballos nas últimas dúas edicións, o certame busca continuar espertando o interese entre os máis novos por coñecer como era a vida nos antigos mercados a través de testemuñas directas: os avós, avoas ou persoas maiores que os frecuentaron. O prazo de presentación está aberto ata o 31 de xaneiro de 2027.

O texto deberá ter formato entrevista, sendo o alumno ou alumna o que realice as preguntas a unha persoa de maior idade, por exemplo, un neto ou neta a un avó ou avoa, ou a calquera outra persoa cunha diferencia de idade similar. A temática do cuestionario é as feiras e mercados tradicionais, de xeito que a persoa entrevistada explique aspectos relacionados co desenvolvemento deste tipo de mercados e o modo de vida en xeral de antano.
PUBLICIDADE
A entrevista deberá ser en estilo directo, a partir dunha gravación de audio ou vídeo que sirva como proba documental, e en galego, aceptándose as variantes dialectais, sempre e cando estas supoñan un enriquecemento do relato. O texto deberá ter un mínimo de 5.000 caracteres con espazos e un máximo de 6.000, ser inédito e non estar premiado con anterioridade.
A entrevista gañadora será publicada no próximo número do boletín que a Asociación Feiral Semana Verde de Galicia editará o vindeiro xuño, coincidindo coa celebración da Semana Verde. O segundo e terceiro mellor traballos tamén serán publicados, neste caso só na páxina web da Asociación, así como nas súas redes sociais.
Premios en metálico, excursións e obradoiros
Os premios entregaranse de xeito presencial, coincidindo co certame da Feira Internacional Semana Verde, que se celebrará do 3 ao 6 de xuño de 2027. Estes consistirán en tres galardóns por valor de 500, 300 e 200 euros, para o primeiro, segundo e terceiro premio, respectivamente. Ademais, a aula do traballo gañador acadará como galardón unha saída didáctica ao Mosteiro de Carboeiro e ao Museo do Campo e a Mecanización. O centro educativo do alumno ou alumna que quede en segundo lugar recibirá un vale para unha visita guiada ao Museo Etnográfico Casa do Patrón de Codeseda (Lalín), onde participará nun obradoiro de cerámica prehistórica. Así mesmo, o centro do ou da estudante que quede en terceira posición recollerá un vale para entrar no Museo do Mel O Enredo do Abelleiro en Portodemouros (Arzúa) e tamén participará nun obradoiro, neste caso, relacionado coa temática apícola.
PUBLICIDADE
As bases do concurso poden consultarse na páxina web da Asociación www.afeiral.com . As persoas interesadas en participar tamén poden ampliar a información sobre os requisitos de concorrencia a través do correo electrónico ‘asociacionfeiral@afeiral.com’ ou chamando á oficina, ao 986 581 413 ou 692 452 996.









Comentarios