top of page

O Concerto de Nadal da Banda de Música de Silleda renderá homenaxe a Nino Bravo con Serafín Zubiri

A cita será o vindeiro sábado 27 no pavillón 1 da Semana Verde de Galicia


Laura Moure/Silleda

A Banda de Música Municipal de Silleda celebrará o sábado día 27 o seu XXV Concerto de Nadal cun espectáculo moi especial baixo o título “Recordando a Nino Bravo”,

protagonizado polo recoñecido cantante, compositor e pianista Serafín Zubiri. O concerto foi presentado onte nas dependencias da Escola de Música polo director da Banda, Rafa Agulló Albors, o presidente da formación, Herminio Gómez, e a concelleira de Cultura, Mónica González, que destacaron o carácter especial desta edición, coincidindo co 25 aniversario dun dos eventos culturais máis destacados do Nadal silledense.

ree

A cita terá lugar no pavillón 1 do recinto Semana Verde de Galicia, nun concerto que renderá homenaxe a unha das grandes voces da música española, cun formato sinfónico no que a base musical corre a cargo da propia Banda de Música Municipal de Silleda.


Segundo explicou o director da formación, Rafa Agulló Albors, “trátase dun espectáculo moi coidado, pensado para emocionar ao público e facer un percorrido pola traxectoria musical de Nino Bravo, cun repertorio que todo o mundo recoñece e que encaixa perfectamente co formato de banda”.


“Recordando a Nino Bravo” é un espectáculo creado por Serafín Zubiri que xa percorreu máis de cen vilas e cidades de toda España, no que se recrean os temas máis emblemáticos do desaparecido cantante valenciano, sempre lembrado e admirado, Nino Bravo, cunha posta en escena coidada e unha interpretación fiel ao seu legado musical.


 Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

O concerto estrutúrase en tres bloques, nos que se realiza un percorrido cronolóxico polas cancións máis coñecidas dos cinco discos publicados por Nino Bravo. Entre cada un destes bloques, a Banda de Música Municipal de Silleda interpretará tamén pezas instrumentais, e nalgúns dos temas máis populares contará coa participación dos nenos e nenas do coro da Escola de Música, achegando un compoñente interxeracional ao espectáculo, como vén sendo habitual no concerto de Nadal da Banda.


Pola súa banda, o presidente da Banda, Herminio Gómez, puxo en valor “o traballo e o esforzo que supón organizar cada ano o Concerto de Nadal, unha cita moi agardada polo público e que nesta edición número 25 queremos que sexa especialmente emotiva”.

Publicidade

Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!
Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!

A concelleira de Cultura, Mónica González, destacou tamén “a forte aposta da Banda de Música Municipal de Silleda por ofrecer concertos de gran calidade, convertendo o Concerto de Nadal nun referente cultural no concello e na comarca”.


Venda de entradas

As entradas para asistir ao XXV Concerto de Nadal poñeranse á venda este martes día 16 de decembro nas instalacións da Escola de Música de Silleda, cun prezo de 12 euros para persoas socias e 15 euros para non socias.




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page