top of page

O Concello vén de iniciar as obras de mellora e acondicionamento do centro social de Saídres

Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda vén de iniciar as obras de mellora e acondicionamento do centro social de Saídres, unha actuación adxudicada á empresa Covisam Norte, S.L. e que suporá un novo paso na posta en valor deste espazo comunitario da parroquia. Os traballos comezarán co derrube da antiga casa dos mestres, unha actuación acordada previamente coa veciñanza e que permitirá avanzar na configuración dun novo espazo máis amplo, funcional e adaptado ás necesidades actuais de Saídres. Esta primeira fase da intervención inclúe tamén actuacións de mellora no actual inmoble da antiga escola, reforzando o seu uso como punto de encontro e convivencia para a parroquia.


Ata o lugar desprazáronse onte a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, e a concelleira de Cultura, Mónica González, que visitaron o inicio do operativo xunto coa directora de obra, representantes da empresa adxudicataria e varios veciños e veciñas da parroquia.

A actuación en Saídres permitirá dar continuidade ao proxecto xa presentado á veciñanza, no que se contempla a creación dun novo espazo polivalente na zona que ocupan as antigas vivendas dos mestres, conectando co actual centro social e mellorando tamén as súas instalacións. O investimento supera os 67.000 euros e conta con financiamento ao abeiro do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.


Entre as melloras previstas nesta fase figuran, ademais da demolición inicial das vivendas, a creación dun novo acceso, vestíbulo e aseo accesible, un novo espazo para cociña, a renovación de acabados interiores e do sistema de iluminación, así como actuacións de drenaxe para evitar filtracións e humidades. O proxecto inclúe tamén a urbanización interior da parcela, mellorando a contorna do local social e a súa integración co campo da festa e co viario público.


O centro social de Saídres constitúe un espazo clave para a vida comunitaria da parroquia, acollendo distintas actividades sociais e culturais ao longo do ano. Con esta intervención, o goberno local continúa apostando pola mellora das infraestruturas no rural e pola dinamización dos espazos de encontro veciñal nas distintas parroquias do municipio.

 PUBLICIDADE

Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.
Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.

A alcaldesa, Paula Fernández, puxo en valor o inicio dunha actuación “moi agardada en Saídres” e destacou que este proxecto “é froito do diálogo coa veciñanza e dun traballo compartido para dar resposta ás necesidades reais da parroquia”. Fernández sinalou ademais que o derrube da antiga casa dos mestres, acordado cos propios veciños e veciñas, “permitirá gañar espazo e funcionalidade para crear un centro social máis cómodo, máis accesible e preparado para acoller máis actividades e servizos”.

 

A rexedora incidiu tamén en que este tipo de investimentos “amosan o compromiso do goberno municipal coa mellora das infraestruturas no rural e coa creación de espazos públicos útiles, coidados e pensados para reforzar a convivencia e a vida social nas parroquias”. Neste senso, engadiu que actuacións como a de Saídres “son fundamentais para seguir dinamizando o territorio e para que os locais sociais sigan sendo lugares vivos e de referencia para a veciñanza”.


Por outra banda, o Concello de Silleda continúa avanzando na renovación do arborado da Avenida do Parque coa plantación dos novos exemplares previstos dentro desta actuación de mellora paisaxística e ambiental. Tal e como se informou xa a pasada semana, o proxecto contempla a instalación de catro Acer de gran porte, cunha media de idade de arredor de 18 anos, perímetros de entre 60 e 80 centímetros e copas que nalgúns casos acadan ata os 7 metros de anchura, así como 10 Liquidambar Globosum para reforzar a continuidade do arborado nesta contorna urbana

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

A actuación en marcha vén confirmar a aposta do Concello por substituír o arborado retirado por novos exemplares de gran porte, con especies adaptadas ao entorno urbano e chamadas a achegar sombra, calidade paisaxística, valor ambiental e unha renovada imaxe para un dos espazos máis representativos do núcleo urbano.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page