top of page

O Concello traslada á veciñanza de Cira e Dornelas as afeccións da LAT A Estrada–Paizás

19 sept
3 min de lectura

As cuestións formuladas pola veciñanza serán tidas en conta no traballo que realizan os servizos municipais para completar o informe solicitado pola Xunta


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda celebrou este venres no Centro Social de Cira unha reunión informativa coa veciñanza para abordar o proxecto da Liña de Alta Tensión (LAT) de 66 kV A Estrada–Paizás e explicar con detalle as afeccións previstas no termo municipal. No encontro participaron a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, e as concelleiras Mónica González Conde e Ángela Troitiño Gil, xunto con veciños e veciñas das zonas afectadas polo trazado.


A reunión serviu para trasladar de maneira directa e comprensible a información obtida tras a primeira análise da extensa documentación do expediente realizada polos servizos municipais, así como para resolver dúbidas e recoller as cuestións e preocupacións formuladas pola veciñanza.

Foto de arquivo.
Foto de arquivo.

O Concello incidiu en que se trata dun proxecto que aínda se atopa en tramitación, actualmente sometido ao procedemento de información pública e avaliación ambiental, e que polo tanto non conta neste momento coa autorización definitiva para a súa execución.


Sete apoios no termo municipal

Segundo a documentación do proxecto, promovido por UFD Distribución Electricidad, a nova infraestrutura conectaría as subestacións da Estrada e Paizás mediante unha liña de aproximadamente 21,7 quilómetros. No municipio de Silleda, a afección concéntrase fundamentalmente nas parroquias de Dornelas e Cira, cun tramo aéreo duns 1,38 quilómetros e sete apoios, numerados do 81 ao 87.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

O proxecto inclúe tamén tramos soterrados, entre eles o previsto para o cruzamento da N-525 e da Vía da Prata, así como na chegada á subestación de Paizás.


Durante a reunión abordáronse non só a localización dos apoios e o paso da liña, senón tamén outras cuestións que están sendo revisadas polo Concello, como as servidumes previstas, os accesos para a maquinaria, os camiños públicos que poderían verse afectados, a ocupación temporal de parcelas, as afeccións sobre terreos agropecuarios e forestais, os cursos de auga, o patrimonio cultural, a Vía da Prata e o impacto paisaxístico.


O informe municipal incorporará as cuestións detectadas

Os servizos municipais continúan agora coa análise pormenorizada do expediente para completar o informe solicitado pola Xunta de Galicia ao Concello dentro da tramitación ambiental.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Entre as cuestións que se están estudando figuran a protección e restitución dos camiños públicos no caso de posibles danos, a redución ao mínimo imprescindible da apertura de novos accesos, as condicións para a circulación da maquinaria, a protección dos elementos patrimoniais e dos cursos de auga ou a recuperación dos terreos unha vez rematadas as actuacións.


A alcaldesa, Paula Fernández, destacou que “o obxectivo desta reunión era que as persoas afectadas puidesen coñecer de primeira man e dunha maneira clara que é o que se proxecta no noso territorio, pero tamén escoitalas e recoller todas aquelas cuestións que poidan axudarnos a completar o traballo que estamos realizando desde o Concello”.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

Fernández sinalou ademais que “estamos ante un expediente moi amplo e técnico, polo que consideramos fundamental analizalo con rigor e facilitar á veciñanza toda a información posible nun momento no que o proxecto aínda está en tramitación e no que se poden formular observacións e alegacións”.


Desde o Concello lembraron tamén ás persoas afectadas que, ademais do informe institucional que emitirá a administración municipal, os particulares poden presentar as súas propias alegacións dentro do período de información pública.


O goberno municipal continuará nas próximas semanas co seguimento da tramitación e coa análise da documentación para defender, dentro das competencias municipais, a adecuada protección dos intereses da veciñanza e do territorio.

 
 
 

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page