O Concello remata as obras de mellora do centro social de Fiestras, que se estreará mañá
Os traballos forman parte do proxecto de renovación dos centros sociais de Fiestras, Ponte e Cervaña, cun investimento superior aos 105.000 euros
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda vén de rematar as obras de mellora do centro social de Fiestras, unha actuación que permitirá á veciñanza estrear as renovadas instalacións este domingo, día 15, coincidindo coa celebración da tradicional Festa do San Martiño. Os traballos realizados neste inmoble forman parte do proxecto municipal de mellora dos centros sociais de Fiestras, Ponte e Cervaña, adxudicado á empresa local Saídres de Trasdeza por un importe de 105.407,94 euros, IVE incluído.
No caso de Fiestras, a intervención permitiu acometer distintas melloras destinadas tanto á conservación do edificio como á seguridade, accesibilidade e comodidade das persoas usuarias. Entre as actuacións realizadas figuran a revisión da cuberta, a instalación dunha nova marquesiña na entrada principal, a renovación da pavimentación exterior e das barandillas, así como distintas reparacións e traballos de mantemento no interior do centro e o pintado xeral das instalacións.

“É unha satisfacción que a primeira actividade despois destas obras sexa precisamente unha celebración tan vinculada á parroquia como o San Martiño”, sinala a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, que destaca a importancia dos centros sociais “como puntos de encontro fundamentais para manter viva a actividade nas nosas parroquias”.
Recta final en Ponte e Cervaña
Paralelamente, continúan avanzando as actuacións nos outros dous centros incluídos no proxecto. Tanto en Ponte como en Cervaña os traballos están xa na súa fase final.
PUBLICIDADE
No centro social de Ponte realizáronse actuacións de reparación e acondicionamento do edificio, incluíndo melloras na cuberta, impermeabilizacións e renovación de acabados e instalacións. Un dos elementos máis destacados desta intervención será a posta en marcha dun obradoiro comunitario de uso compartido, vinculado ao programa municipal Silleda Co-labora, pensado para favorecer iniciativas relacionadas coa elaboración, transformación e posta en valor de produtos agroalimentarios locais.
As obras están practicamente concluídas e queda pendente fundamentalmente a incorporación do mobiliario e equipamento necesario para o futuro obradoiro, que completará a nova funcionalidade deste espazo.
En Cervaña, os traballos encaran tamén a súa recta final. A actuación inclúe melloras tanto no interior como no exterior do inmoble, coa renovación de carpinterías, actuacións sobre o falso teito, reparación e tratamento de distintos elementos de madeira, limpeza da cuberta e fachadas e traballos de pintura e acondicionamento xeral.
PUBLICIDADE
“Con este proxecto non se trata só de reparar edificios, senón de seguir dotando ás parroquias de espazos dignos, funcionais e con capacidade para acoller novas iniciativas”, explica Fernández Pena, lembrando que estas actuacións se enmarcan na estratexia municipal de dinamización do rural e descentralización de actividades e servizos.
O proxecto conta cunha axuda de 100.000 euros da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dentro da convocatoria destinada á creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en zonas rurais. Desde o Concello sublíñase que a renovación destes tres equipamentos complementa outras iniciativas que se están desenvolvendo a través de programas como Silleda Dinamiza, co obxectivo de seguir levando formación, actividades e servizos ás parroquias e reforzar a súa vida social e comunitaria.









Comentarios