top of page

O Concello reforza de urxencia a seguridade na ponte de Abades tras a caída de dous petrís de pedra

ADIF xa inspeccionou a zona e non aprecia risco para a circulación ferroviaria


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda activou unha actuación de emerxencia na ponte de Abades, situada sobre a vía do ferrocarril, despois da caída de dous petrís de pedra nun dos extremos da plataforma. O incidente non provocou danos persoais nin afectou á circulación ferroviaria, xa que as pezas desprendidas caeron polo talude e quedaron fóra da zona de paso dos

trens. Unha delas localizouse a varios metros do inicio do balastro da vía.


A caída detectouse nunha zona de paso habitual de vehículos agrícolas e, segundo as primeiras valoracións, todo apunta a que puido estar provocada polo golpe dalgunha maquinaria pesada. Polo momento non foi posible identificar á persoa ou vehículo responsable.

Nada máis ter coñecemento da incidencia, o Concello contactou directamente coa sección de mantemento de ADIF, que desprazou persoal á zona para realizar unha inspección. Tras esa revisión, non se detectou unha situación de perigo para a circulación ferroviaria.


Así, Concello e ADIF acordaron entón a adopción dunha medida provisional de seguridade no paso, que será executada pola administración local, mentres se avanza na definición dunha solución integral para a ponte, que deberá contar coa correspondente autorización do organismo ferroviario.

 PUBLICIDADE

Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.
Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.

Como primeira medida, o Concello colocou sinalización provisional, valado e iluminación para advertir da situación aos vehículos que transitan polo paso. Esta actuación completarase ao longo desta semana coa instalación dun valado fixo con biondas de seguridade, que permitirá protexer o punto afectado e garantir unhas mellores condicións de circulación.


A alcaldesa, Paula Fernández Pena, explica que “a prioridade foi actuar con rapidez, comprobar que non existía risco para a vía ferroviaria e adoptar medidas inmediatas para reforzar a seguridade dos vehículos que utilizan este paso”. A rexedora engade que “aínda que a incidencia non chegou a afectar á circulación dos trens, non podemos deixar un punto destas características sen unha protección axeitada”.


Esta intervención de emerxencia realizarase á espera da redacción dun proxecto de mellora integral do ponte, no que se estudará unha solución máis completa para a estrutura e que deberá contar coa autorización de ADIF por tratarse dun paso situado sobre a vía ferroviaria.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

O Concello tamén iniciará unha revisión do estado doutros pontes do municipio, co obxectivo de comprobar as súas condicións de conservación e anticiparse a posibles incidencias. “Imos actuar agora en Abades, pero tamén queremos revisar outras estruturas para detectar calquera problema a tempo e evitar situacións semellantes”, sinala Fernández Pena.


A alcaldesa lembra ademais a importancia de extremar a precaución cando se circula con maquinaria agrícola por pasos estreitos ou estruturas antigas. “Son elementos que forman parte da rede viaria local e que prestan servizo diario á veciñanza, pero precisan dun uso responsable e dunha protección axeitada para garantir a seguridade de todos”, conclúe.



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page