top of page

O Concello pon en marcha Silleda Dinamiza para revitalizar os centros sociais do rural

Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda lanza o proxecto Silleda Dinamiza, unha iniciativa que busca revitalizar os centros sociais das parroquias e fomentar a interacción entre a veciñanza, especialmente nas zonas rurais máis afectadas polo despoboamento e o avellentamento da poboación.


O programa estrutúrase arredor dun calendario de apertura dos centros sociais, permitindo que se convirtan en espazos de encontro e dinamización comunitaria. Para iso, contarase co apoio de asociacións ou de ser o caso con persoas voluntarias que colaborarán na xestión e organización das actividades. “Somos conscientes de que ademais da tendencia habitual de traslado da poboación do rural ás vilas, a pandemia tamén mudou moitos hábitos e afectou no caso das parroquias á actividade nos centros sociais”, indica a alcaldesa, Paula Fernández.

Esta iniciativa parte despois dunha análise sobre a situación do rural de Silleda, onde ademais do envellecemento da poboación tamén foron desaparecendo nos últimos anos locais adicados á hostalería, ultramarinos e mesmo se viron reducidos os calendarios das celebracións relixiosas, que no caso do rural son un punto de encontro e interacción social.


A proposta, promovida dende a Concellería de Medio Rural e a de Participación Cidadá arrancará cun proxecto piloto sobre o que se avaliará o impacto e a resposta da veciñanza. O obxectivo é adaptar o modelo de funcionamento ás necesidades reais das comunidades locais.


Para garantir que a iniciativa sexa coñecida e aproveitada polo maior número de persoas posible, realizaranse encontros informativos en distintas parroquias. Nestes encontros, explicarase en detalle en que consiste o proxecto, os beneficios que pode achegar á comunidade e como as persoas interesadas poden participar activamente, xa sexa como usuarias dos centros ou como voluntarias na súa dinamización.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

A información tamén se difundirá a través de carteis informativos, redes sociais e colaboracións con asociacións locais, para que ningunha parroquia quede sen coñecer esta oportunidade de revitalización social.


O Concello de Silleda, que tamén está a impulsar unha serie de melloras en varios dos centros sociais do rural, convida á veciñanza a sumarse a este proxecto, ben participando nas actividades, ou ben formando parte do voluntariado para a apertura destes centros.


“Iremos informando sobre esta iniciativa para revitalizar os centros sociais e facer que a veciñanza teña nestes un punto de referencia e encontro”, engade Paula Fernández destacando a colaboración dos colectivos veciñais do rural, que serán tamén “un piar fundamental desta iniciativa e cos primeiros que se dará a coñecer a nosa proposta”, subliña.



Comentários


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page