O Museo da Terra de Melide considera desafortunados e irrespectuosos co ben os informes técnicos desta actuación
Laura Moure/Melide
O Concello de Melide lembra que as obras de rehabilitación e posta en valor da Ponte Furelos foron debidamente informadas e avaladas polos organismos pertinentes. O proxecto contou igualmente co habitual período de exposición pública durante o cal non se rexistraron alegacións. Sinalado isto, o Concello considera que non é competencia municipal cuestionar ou dificultar os traballos se non existe unha xustificación técnica nese sentido. Na actualidade non constan alegacións nos xa cinco anos de proxecto para recuperar unha ponte emblemática deste municipio.
A Administración local, malia observar con preocupación a inquedanza que estas obras de rehabilitación semellan ter causado nunha parte da opinión pública local, reitera que os informes positivos de Augas de Galicia (setembro de 2018) e a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (febreiro de 2017) avalan o proxecto. Para o Concello de Melide,
calquera modificación no proxecto de obra debe contar cun novo informe destas entidades. Nese caso, estas deberían aclarar convenientemente os motivos do cambio de criterio. Calquera deterioro existente na infraestrutura da ponte debe estar pertinentemente
recollido na información técnica aprobada.
Ante o cuestionamento xerado, o Concello de Melide expón a súa disposición a reunirse, previo convite motivado neste sentido, coa Xunta de Galicia e co Goberno do Estado co obxectivo, se estas administracións o consideran preciso, de avaliar a situación da ponte e calquera modificación técnica do proxecto. Esta modificación deberá seguir as canles legais.
Por último, o Concello de Melide reitera que a información sobre esta obra foi en todo momento pública e transparente, sen alegacións técnicas ou estéticas durante o período.
O rexeitamento do museo
Pola súa banda, o Museo Terra de Melide considera desafortunados e irrespectuosos co ben os informes técnicos. "Si, o Museo non dubida de que o proxecto conte con todos os avais habidos e por haber, cousa claramente entendible á hora de executarse unhas obras, máxime se afectan a un ben cultural. Xa expuxemos reiteradamente os despropósitos que se están a levar cabo, que non nos cansaremos de denunciar, unicamente polo ben da Ponte", reitera. Estes son os argumentos que aporta:
Non se corrixen e mitigan as patoloxías estruturais que afectan a paramentos, tallamares, esporóns e roscas e intradorsos de arco.
Preténdese ocultar o lousado orixinal da calzada empregando lousa propia das áreas orientais galegas, non presentes nestas zonas.
Quérense coroar os peitorís con laxas de xisto postas de canto (técnica de rajuela), sendo igualmente materiais non apropiados por non ser desta zona e a técnica tampouco é propia desta comarca da Galicia Central, igualmente por carecer de rochas exfoliables. Así pois terían que empregar chantas postas de plano a xeito de sobrepenas ou colocar o aparello en sistema de "cabalete" ( en perfil triangular por aproximación do aparello, como está coroado o muro medieval do Camiño das Cabadas).
Xa por último: estase a construír un miradoiro innecesario, debido a que a Ponte é visible dende case todos os puntos, e o único que conseguirá é taparlle visibilidade ó elemento, posto que ó levar tanto voo o que vai provocar é impedir a visualización do arco máis próximo á beira meridional. Tampouco se xustifica que o constrúan case ó carón do elemento. Ademais desmontouse un paramento de contención en talude por outro a chumbo, que provoca a ruptura estrutural do paramento murario de contención da marxe.
"O Museo quere amosar de novo a súa disconformidade e preocupación por tamaño despropósito, posto que por moitas autorizacións coas que conte, iso non é xustificación"
Considera que ademais, "non está a ser rehabilitada, senón que está sendo ornamentada con materiais e técnicas alóctonas e sen paralelismos construtivos neste ámbito xeográfico".
O Museo de Melide, asociacións de defensa do patrimonio galego, historiadores e historiadores da arte consultados rexeitan a intervención por considerala escasamente acaída, tal e como sinala o propio museo. "Por iso imos seguir reiterando o noso descontento, posto que de non facerse algo vai ser a todo Melide a quen lle quede a "hipoteca" dunha obra mal feita (que non han ter que volver a ver os promotores, deseñadores e executores). Así pois, consideramos que ou remamos todos na mesma dirección, unicamente por empatía coa Ponte Medieval e sen outro tipo de motivación, ou imos ser todos corresponsables da enésima desfeita co noso patrimonio. Certamente que pouco se dá aprendido dos erros pretéritos".
O Museo da Terra de Melide dende o primeiro momento púxose en contacto cos axentes implicados, "e polo de pronto non houbo resposta satisfactoria e tranquilizante, a pesar de que hai constancia de que a obra a ninguén agrada, nin agradará", indica.
NOTICIAS RELACIONADAS
Comments