O Concello lanza “Silleda co-labora”, un proxecto para impulsar o emprendemento rural e fixar poboación
- Laura Moure

- 17 ene
- 2 Min. de lectura
Un dos piares do proxecto é a dinamización do edificio da antiga escola da parroquia de Cira, xa rehabilitado para a posta en valor do produto silledense
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda vén de aprobar na xunta de goberno o proxecto “Silleda Co-Labora: Comunidade de Emprendemento Rural”, para presentalo á convocatoria estatal do Ministerio para o Reto Demográfico, co que pretenden ofrecer a cidadanía oportunidades reais no rural e facer fronte ao despoboamento transformando espazos públicos en centros activos para o emprendemento, o teletraballo e a comercialización de produtos locais.

Un dos piares do proxecto é a dinamización do edificio da antiga escola da parroquia de Cira, xa rehabilitado para a posta en valor do produto silledense, e que agora será amoblado e estruturado en dúas zonas diferenciadas. A primeira delas será un espazo de obrador comunitario, no que os produtores locais poderán elaborar os seus produtos manufacturados e completar o ciclo produtivo sen saír do municipio. Este espazo contará con maquinaria profesional para o envasado, etiquetado e conservación, permitindo dar valor engadido á produción local.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

A segunda zona será un espazo de coworking desde o que os produtores poderán xestionar directamente a comercialización dos seus produtos, tanto de forma presencial como a través das redes sociais e plataformas dixitais. O edificio contará con conectividade de alta velocidade e sistemas intelixentes que permitirán traballar, atender clientes, emitir contido promocional e organizar actividades de visibilización.
Xunto a Cira, tamén se actualizará o viveiro municipal Área 33, no núcleo de Silleda, coa incorporación de mobiliario para a creación dun espazo de coworking con seis prazas, zonas de reunión e unha kitchenette-office. Ademais, acondicionarase a sala de usos múltiples con tecnoloxía audiovisual para accións de formación, difusión e venda en liña.
Publicidade
Ambos espazos —o centro de produtores de Cira e o viveiro Área 33 en Silleda— estarán conectados tecnoloxicamente a través dunha plataforma dixital común que centralizará a xestión dos servizos. Esta ferramenta permitirá reservar espazos de traballo, controlar accesos, organizar actividades formativas ou promocionais, e facilitará a coordinación entre os dous edificios como parte dun ecosistema único “Ambos espazos poderán serán convertidos en edificios intelixentes ao servizo do emprendemento rural se esta subvención sae adiante”, sinala a alcaldesa.
Paula Fernández destaca que “esta proposta aproveita espazos xa existentes para crear un ecosistema produtivo local, moderno e sostible. Queremos que quen produce no rural poida tamén vender, comunicar e vivir do seu traballo sen ter que marchar a unha cidade”.
Publicidade
O proxecto conta cun orzamento de 167.500 euros, dos cales o 90 % sería financiado mediante subvención estatal. A súa execución desenvolverase ao longo de dous anos desde a resolución da convocatoria. “Confiamos en que o proxecto acade esta subvención para a súa posta en marcha e a posterior dinamización do noso territorio”, engade a alcaldesa.








Comentarios