top of page
Foto del escritorLaura Moure

O Concello do Pino promove a obra e a figura de Luis Seoane entre o alumnado do colexio da vila

Na clase de Plástica traballarán durante o curso sobre o estilo do artista e animarase ao alumnado a debuxar reinterpretacións das súas obras que se recollerán nunha exposición


Laura Moure/O Pino

A Concellería de Educación e Cultura do Pino quere dar a coñecer entre a veciñanza a figura e a obra de Luis Seoane, nomeado Fillo Predilecto do Pino en 2008. Con este obxectivo puxo en marcha este mes de outubro no CPI Camiño de Santiago o proxecto Encontros con Seoane, o artista do Pino, para que o alumnado de 1º da ESO estudie as obras deste prolífico artista e se anime a pintar cadros inspirados no seu traballo ou que sexan unha reinterpretación dos mesmos.


O técnico de turismo Alberte Villamarín deulles unha charla aos escolares de primeiro da ESO para que coñeceran máis da vida e obra deste galeguista. Luis Seoane naceu en Bos Aires en 1910 e morreu na Coruña en 1979, pero pasou boa parte da súa infancia e xuventude en Arca, parroquia na que nacera súa nai e na que a familia chegou a construír unha casa.


Publicidade

Editor, escritor, xornalista, ilustrador, gravador, ceramista e pintor, Luis Seoane foi nomeado Fillo Predilecto do Pino por unanimidade da Corporación no pleno do 27 de marzo de 2008. O acto oficial de nomeamento celebrouse o 31 de maio dese mesmo ano e, dende entón, o centro sociocultural de Arca leva o seu nome. Considerado un dos máis grandes

artistas plásticos galegos de todos os tempos, a obra de Luis Seoane é de tendencia expresionista próxima á abstracción. Ademais da súa traxectoria vital, na charla ao alumnado da ESO, o técnico de turismo amosoulles algunhas das obras de Luis Seoane e invitounos a debuxar durante o curso obras que poidan estar inspiradas nos seus cadros ou facer reinterpretacións dos mesmos.


A colaboración entre Concello e CPI Camiño de Santiago permitirá que nas clases de Educación Plástica e Visual se traballe ao longo do curso sobre Seoane e a súas técnicas de debuxo. O profesorado animará a nenos e nenas a debuxar e a participar no concurso que se organizará a finais de cada curso escolar. Será o propio alumnado quen escolla a obra gañadora deste concurso, que pasará a formar parte dunha exposición permanente do Concello, para ir incrementándoa ano a ano.


Publicidade

Ademais, a obra gañadora será reproducida polo propio alumnado nun mural e publicada

na revista municipal Faísca. Uns recoñecementos que axudarán non só a difundir a obra de Luis Seoane, senón tamén a dar a coñecer novos talentos das artes plásticas do Pino. A exposición cos traballos dos escolares do Pino poderá verse no centro sociocultural Luis

Seoane, que está moi preto do CPI Camiño de Santiago e que, ademais, acolle a oficina de

turismo, a biblioteca e o auditorio municipal.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page