O Concello do Pino convoca o III Concurso de Decoración de Nadal con 1.500 € en premios
As inscricións estarán abertas do 4 ao 18 de decembro e deberán acompañarse dun mínimo de tres fotografías da decoración
Laura Moure/O Pino
O Concello do Pino anima a decorar as vivendas e os espazos compartidos do municipio coa terceira edición do Concurso de Decoración de Nadal. A convocatoria repartirá 1.500 euros en premios e busca impulsar a participación cidadá e o traballo en común para crear un ambiente festivo nas parroquias, ao tempo que promove a reutilización de materiais e a creatividade.

O certame establece dúas categorías. Na familiar poderá participar a veciñanza que decore balcóns, xanelas, portas, fachadas ou xardíns exteriores das vivendas. A modalidade colectiva está aberta a asociacións, comercios, empresas e agrupacións do municipio que realicen as súas montaxes dentro do termo municipal, en espazos como comunidades veciñais, rúas, prazas, parques ou áreas de lecer.
En cada categoría concederanse un primeiro premio de 350 euros, un segundo de 250 e un terceiro de 150. A entrega está prevista para o 5 de xaneiro de 2027, durante a gala da
Cabalgata de Reis no pavillón municipal de Reboredo.
PUBLICIDADE
O prazo de inscrición abrirase o 4 de decembro e rematará o día 18. Para participar será
necesario presentar a ficha de inscrición debidamente cuberta e un mínimo de tres fotografías da decoración, a través do Rexistro municipal ou da sede electrónica do Concello. As bases e os formularios estarán dispoñibles na web municipal.

As propostas deberán estar relacionadas co Nadal e cos seus motivos tradicionais, con
liberdade para escoller a técnica e o estilo. Poderanse empregar distintos materiais e
elementos de iluminación. As decoracións deberán permanecer expostas do 18 de
decembro de 2026 ao 8 de xaneiro de 2027, ambos os días incluídos, e incorporar o nome
do concurso. No caso das montaxes colectivas, a visita deberá ser gratuíta e aberta ao
público durante ese período.
PUBLICIDADE
O xurado terá en conta o deseño e a orixinalidade das propostas, así como a iluminación.
Tamén valorará o fomento dos valores locais, a cantidade e o tipo de materiais reciclables
empregados e o contido didáctico de cada proxecto.









Comentarios