Arzúa involucra a máis de 500 escolares coa celebración do Día da Infancia en horario lectivo
Laura Moure/Arzúa
O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa programa o Día da Infancia con motivo da conmemoración do Día Internacional dos Dereitos da Nena e do Neno o 20 de novembro con espectáculos para escolares en horario lectivo. Trátase dun conxunto de espectáculos nos que se traballan diversos temas como a igualdade, o fomento do uso da lingua galega e a amizade.
Os nenos, nenas, mozos e mozas dos centros educativos de Arzúa poderán participar de balde nas actuacións que se celebrarán na Casa da Cultura a vindeira semana.

A primeira sesión será o martes, día 17, para o alumnado de Educación Infantil que poderá gozar do espectáculo A roda das tres donas de A Familia Papaventos, un concerto de Charo Pita cos músicos María Faltri e Jorge Juncal no que interpretan cancións do libro No país do vento publicado pola editorial Galaxia.
O mércores día 18 será a quenda para o alumnado de 1º, 2º e 3º curso de Educación Primaria que participará no espectáculo Chaves invisibles de Vero Rilo e Luís Iglesias, unha proposta con música en directo que convida a entrar no universo literario de Begoña Caamaño a través da publicación Bego e o mundo ao revés de Iria Collazo e outros relatos.
Outra proposta destinada aos escolares de 4º, 5º e 6º de Primaria terá lugar o xoves 19.
Será a quenda para un concerto didáctico dunha banda formada por docentes de A Casa do Rock que nace da inquedanza de achegar o rock á rapazada. Neil Young, White Stripes, Scorpions, Tanxugueiras, Chuck Berry, Maneskin, Imagine Dragons ou AC/DC son algúns dos artistas que estarán presentes neste concerto.
PUBLICIDADE
O venres 20, os mozos e mozas da ESO asistirán a un obradoiro titulado Onda Sonora. O concerto radiofónico do rap en galego. O mestre de cerimonias e animador hip-hop García Mc, referente como coach no mundo adolescente e cofundador de iniciativas como Dios Ke Te Crew ou Nación Quilombo, propón un concerto didáctico entre a palabra e a música rap feita en galego. Nesta nova proposta a modo de radio itinerante acompañado por un Dj hip-hop, repasará de viva voz as anécdotas da historia do rap en galego vividas en primeira persoa e intercaladas entre a historia das orixes da Cultura hip-hop, os poetas galegos musicados a modo de rap e a interpretación dos propios hits de García.
PUBLICIDADE
O Concelleiro de Cultura, José Luís García, destaca a importancia deste programa que “asegura a participación de todas as nenas e nenos do municipio dando acceso así á cultura desde a infancia nunha iniciativa á que acudirán máis de 500 escolares”.









Comentarios