O Concello do Pino abre unha nova convocatoria de axudas a estudantes universitarios e de ciclos
As achegas, de 300 euros, destínanse a financiar gastos de material, residencia ou matrícula
Laura Moure/O Pino
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou este luns, 28 de setembro de 2026, as bases reguladoras das axudas do Concello do Pino dirixidas a estudantes universitarios ou que cursen ciclos formativos de grao superior durante o curso académico 2026/2027. As axudas, de 300 euros por alumno/a, teñen como finalidade contribuír a financiar os gastos correntes de material, residencia e matrícula derivados dos estudos. O Concello destina a esta convocatoria un crédito global máximo de 3.000 euros.

Segundo establecen as bases, poderán optar ás achegas as persoas empadroadas e con
residencia efectiva no Concello do Pino cunha antigüidade mínima dun ano que estean
matriculadas no curso 2026/2027 en estudos universitarios de grao ou máster —quedan
excluídos os estudos de doutoramento— ou en ciclos formativos de grao superior. As
persoas solicitantes deberán cumprir tamén os requisitos de renda e o resto das condicións establecidas na convocatoria.
PUBLICIDADE
O prazo para presentar as solicitudes estará aberto desde o día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no BOP ata o 16 de outubro de 2026.
As solicitudes deberán formalizarse no modelo establecido e presentarse no Rexistro Xeral
do Concello do Pino ou por calquera dos medios previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. Xunto coa solicitude deberá achegarse a documentación acreditativa establecida nas
bases, entre ela a correspondente á matrícula, á renda familiar e aos gastos para os que se
solicita a axuda.
PUBLICIDADE
En total, concederanse dez bolsas de 300 euros ás persoas que, cumprindo os requisitos,
acrediten os ingresos familiares máis baixos, ata esgotar o crédito dispoñible de 3.000
euros.
As bases completas e os anexos necesarios para tramitar a solicitude poden consultarse na web municipal, nesta ligazón.









Comentarios