top of page

O Concello de Vila de Cruces presenta os ‘Seráns Culturais’, que serán os meses de xullo e agosto

Haberá espectáculos para todos os públicos, con funcións de circo, pallasos, maxia, concertos musicais e cine na rúa os venres e sábados pola tarde na Praza do Concello


Laura Moure/Vila de Cruces

O Concello de Vila de Cruces presenta a súa programación dos ‘Seráns Culturais’, con actividades diversas para todos os públicos nos meses de xullo e agosto. Haberá circo, clown, maxia, cine na rúa e concertos musicais de agrupacións locais e outras de fóra do municipio. As actividades serán os venres, máis destinadas ao público infantil e familiar, e os sábados con programación para todos os públicos.


O venres, 3 de xullo, os ‘Seráns Culturais’ comezarán cun obradoiro de circo para nenas e nenos a partir de catro anos na Praza do Concello de 17:30 a 20:00 horas. O espectáculo correrá a cargo da Escola Saltimbanquis. A continuación, ás 20:30 horas, comezará o espectáculo Autoestopista Intergaláctico, do artista Aitor Garuz e Pistacatro Productora de Sueños. Trátase dun show de ciencia-ficción onde se usa o clown e o transformismo, con continuos cambios de vestiario e de personaxes cómicos que dan como resultado escenas divertidas e absurdas.

Ao día seguinte, o sábado 4 de xullo, celebrarse un concerto de Merza Brass, ás 20:30

horas na Praza do Concello. O grupo de metais interpretará diferentes pezas de música

dos 80.


A maxia chegará a Cruces o venres 10 de xullo co Mago Teto, ás 20:30 horas na Praza do Concello. O mago Héctor Guerra ofrecerá o espectáculo “As nosas letras”, que pretende a dinamización e defensa do galego como vehículo condutor das diferentes maxias da función. “As nosas letras” rende unha homenaxe á cultura, á tradición e ás costumes galegas a partir dunha escolma de destacadas pezas da literatura galega, cunha actuación chea de maxia que espertará o coñecemento histórico e contemporáneo do galego. Levará a escena a recomposición das cantigas de Afonso X, a incrible espada enmeigada de Merlín e Familia, o espírito do mestre Castelao e obras de Risco, Rosalía e Blanco Amor.


O sábado 11 a música regresa á Praza do Concello, co concerto de Xuntounos Ela ás 20:30 horas. Esta agrupación de música local, orixinaria de Vila de Cruces, versionará diferentes pezas musicais.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Tamén haberá oco para o cine, cunha proxección familiar na rúa o venres 17 de xullo,

ás 22:30 horas na Praza do Concello. As familias poderán ver a comedia ¡SALTA!, unha imaxinativa e conmovedora aventura, unha orixinal aposta polo entretemento familiar de calidade protagonizada por Tamar Novas, que recibiu por esta película o Premio á Mellor interpretación masculina protagonista nos Premios Mestre Mateo 2023.


Xa o sábado 18 de xullo terá lugar na Praza do Concello o concerto de música tradicional do Coro Voces da Terra de Vila de Cruces, ás 20:30 horas.


O clown tamén chegará a escena o venres 24 de xullo coa función de teatro infantil e familiar “A Estrada” de Natalia Outeiro, coñecida artisticamente como Pajarito Pallasa, ás 20:30 horas na Praza do Concello. “A Estrada” é unha road movie cunha pallasa ao volante que fai unha travesía por un territorio imaxinario, onde os referentes cinematográficos e musicais dos noventa, a conexión emocional co público, o clown, a

nostalxia e o humor, servirán de mapas.


Para rematar o mes, celebrarase a 4ª Festa da Rapazada, organizada pola asociación social e cultural Garatuzas de Piloño e o Concello de Vila de Cruces, en colaboración

coa Deputación de Pontevedra, o venres 31 a partir das 16:00 horas no antigo campo

de fútbol de Piloño. O evento contará cunha zona gastronómica con servizo de barra ao

largo de toda a xornada, coas hamburguesas Celta Porc, os xeados artesáns de Xearte

Brigitte e produtos de Orixes Galegas. Durante a tarde sucederanse sorteos con

agasallos e sorpresas para os asistentes e haberá unha serie de inchables e eventos a

cargo de Tikolandia. Maiores e pequenos poderán gozar de inchables acuáticos e

inchables de salto e do gran fin de festa con Peter Punk e o seu espectáculo de humor

e diversión. O prezo da entrada é de 10 euros e gratis para os socios de 3 a 18 anos da

asociación Garatuzas e para os pequenos de 0 a 2 anos.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe e contacta con nós!
Preme na imaxe e contacta con nós!

O mes de agosto comezará co concerto de Xacarandaina, o sábado día 1 ás 20:30

horas na Praza do Concello. O coro de 40 voces de Xacarandaina da Coruña

interpretará pezas musicais da tradición galega.


O resto de actividades prevista para o mes de agosto faranse públicas proximamente.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page