O Concello de Vila de Cruces presenta a súa programación deportiva para o curso 2025/2026
- Laura Moure

- 17 sept 2025
- 2 Min. de lectura
Inclúe novas clases de solo pélvico, adestramento de forza para persoas maiores e patinaxe artística para adultos
Laura Moure/Vila de Cruces
O Concello de Vila de Cruces vén de presentar a programación deportiva para o curso 2025/2026, que se desenvolverá no Pavillón e no Ximnasio Municipal. Como principal novidade, este ano amplíase a oferta deportiva con sete escolas. Ás actividades xa existentes —zumba, adestramento funcional, acondicionamento físico, pilates e patinaxe— súmanse dúas novas propostas: clases de fortalecemento do solo pélvico e adestramento de forza para persoas maiores.

Estas incorporacións responden á preocupación trasladada polo persoal sanitario do Centro de Saúde de Cruces, debido á elevada prevalencia de problemas relacionados coa musculatura pélvica e á importancia do traballo de forza para o mantemento da autonomía persoal e a prevención de caídas.
“Este ano apostamos por unha programación máis ampla e adaptada ás necesidades da veciñanza, incorporando actividades como o fortalecemento do solo pélvico e o adestramento de forza para persoas maiores, sen esquecer a continuidade das escolas máis demandadas”, sinala a concelleira de Deportes, Noemí Lois.
PUBLICIDADE
As actividades de patinaxe artística e pilates continúan sendo as máis consolidadas da programación municipal, cun total de catro grupos activos cada unha. Como novidade,
a escola de patinaxe incorpora este ano un grupo específico para adultos.
PUBLICIDADE
O prazo de inscrición abrirase este xoves, 18 de setembro, e finalizará tras esgotar as prazas dispoñibles para cada actividade. As solicitudes deberán formalizarse de xeito
presencial no Ximnasio Municipal, no seu horario ampliado o pasado ano (de luns a xoves de 10:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 22:00 horas e o venres de 10:00 a 13:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas). As clases darán comezo o 1 de outubro.








Comentarios