O Concello de Touro vén de incorporar como asesora medioambiental a experta Ana Barreira
- ecosdacomarca

- hace 6 horas
- 2 Min. de lectura
"Por primeira vez na historia, o Concello vai cumprir plenamente coas súas competencias en materia de medio ambiente no relativo á mina", sinala a concellería de Medio Ambiente
Ecos da Comarca/Touro
Dende a Concellería de Medio Ambiente do Concello de Touro, liderada por Darío Rey, anuncian" que o Concello de Touro vén de incorporar como asesora medioambiental a experta Ana Barreira, unha das profesionais máis destacadas no ámbito do dereito ambiental do Estado e en Europa. Por primeira vez na historia, o Concello de Touro vai cumprir plenamente coas súas competencias en materia de medio ambiente no relativo á mina".
Esta decisión, apuntan, "marca unha diferenza clara co pasado. O anterior alcalde, malia declararse publicamente contrario á mina, na práctica actuou a favor dela: Non recorreu a declaración do proxecto mineiro como proxecto industrial estratéxico por parte da Xunta de Galicia e , o máis grave, negouse a personar o Concello nas causas xudiciais relacionadas coa mina, renunciando así a defender os intereses da veciñanza e do territorio".

Agora, con Ana Barreira ao fronte da asesoría ambiental, o Concello de Touro pasa á acción no cumplimento das competencias propias, recalca.
Quen é Ana Barreira?
Ana Barreira é unha avogada de referencia en dereito ambiental europeo, directora do Instituto Internacional de Dereito e Medio Ambiente.
A súa especialización en dereito ambiental europeo e acceso á xustiza en materia ambiental resulta clave para abordar con garantías a problemática da mina de Touro. É fundadora e directora do Instituto Internacional de Dereito e Medio Ambiente (IIDMA), entidade recoñecida como interlocutora ante o Parlamento Europeo, a Comisión Europea e Nacións Unidas. Conta cunha ampla traxectoria en procedementos contra proxectos mineiros, enerxéticos e de impacto ambiental, con numerosos resultados favorables.
As accións que se van levar a cabo:
Nas vindeiras semanas, o Concello presentará un informe xurídico elaborado por esta especialista, que se porá a disposición da veciñanza e de todas as persoas que presentaron alegacións ao proxecto mineiro e quedaron fóra do procedemento porque a administración esixiulle acreditar o interés.
Ese documento incluirá un modelo de reclamación baseado no dereito europeo, para que poidan solicitar ser recoñecidos como interesados, mesmo fóra do prazo conncedido, conforme á normativa comunitaria que os ampara.
Publicidade
Ademais, o Concello iniciará os trámites para personarse en todos os procesos xudiciais abertos relacionados coa mina, co obxectivo de garantir a máxima defensa dos intereses públicos.
"Cómpre subliñar que, debido á negativa do anterior alcalde a personarse en tempo e forma, nalgúns procedementos o momento procesual podería limitar esta acción, pero o Concello tentará facelo no maior número posible de causas, co apoio técnico e xurídico de Ana Barreira e contratando as periciais que sexan oportunas", salienta esta concellería.







Comentarios