O Concello de Silleda saca a licitación a mellora dos centros sociais de Cervaña, Ponte e Fiestras
- Laura Moure

- 23 jul
- 3 min de lectura
Conta cun orzamento de 111.284 euros e permitirá renovar os tres inmobles, crear un obradoiro comunitario en Ponte e mellorar a accesibilidade, a eficiencia e as condicións
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda vén de sacar a licitación as obras de mellora dos centros sociais municipais de Cervaña, Ponte e Fiestras, cun orzamento base de 111.284,10 euros, IVE incluído. A contratación tramítase mediante procedemento aberto simplificado e as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 5 de agosto. Unha vez adxudicadas, as obras terán un prazo de execución de dous meses, contado desde a sinatura da acta de replanteo.
A actuación conta cunha achega de 100.000 euros da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), no marco das axudas para a creación, mellora e ampliación de servizos básicos nas zonas rurais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural. O Concello asumirá con fondos municipais os 11.284,10 euros restantes.
PUBLICIDADE
A alcaldesa, Paula Fernández Pena, destaca que se trata dunha intervención que “permitirá modernizar tres espazos fundamentais para a vida social das parroquias e, ao mesmo tempo, incorporar novos servizos e actividades que contribúan a dinamizar o rural”. “Non falamos só de reparar edificios, senón de dotalos de máis posibilidades, facelos máis cómodos, accesibles e funcionais e garantir que continúen sendo verdadeiros puntos de encontro para a veciñanza”, sinala.
Un obradoiro comunitario en Ponte
A actuación de maior entidade desenvolverase no centro social de Ponte, onde se habilitará un obradoiro comunitario de uso compartido, vinculado ao programa municipal Silleda Co-labora. Este novo espazo estará destinado á elaboración, transformación e valorización de produtos agroalimentarios locais e será equipado cos elementos e instalacións necesarios para o seu funcionamento.

As obras incluirán tamén a revisión e reparación da cuberta, canalóns e baixantes, a impermeabilización da terraza e dun dos voadizos e a eliminación de puntos de entrada de
auga. Renovaranse os revestimentos e pinturas interiores e exteriores e adaptaranse as instalacións de electricidade, fontanaría, saneamento, ventilación e evacuación de fumes.
A maiores, ampliarase a illa de reciclaxe coa instalación dun composteiro comunitario, destinado ao tratamento dos residuos orgánicos xerados pola actividade do obradoiro.
Máis seguridade e accesibilidade en Fiestras
No centro social de Fiestras levarase a cabo a revisión parcial da cuberta, co levantado e recolocación das tellas necesarias, e instalarase unha pequena marquesiña no acceso
principal para mellorar a protección fronte á choiva. O proxecto contempla tamén unha nova pavimentación de formigón no exterior, a renovación das varandas existentes —que presentan un avanzado estado de oxidación— e distintas reparacións nas instalacións do edificio.
No interior realizarase o pintado xeral do centro e incorporaranse elementos vinculados á
illa de reciclaxe e á identificación da parroquia.
Centro social de Cervaña
No centro social de Cervaña acometerase unha renovación tanto interior como exterior. As obras inclúen a limpeza da cuberta e das fachadas, o pintado dos paramentos exteriores e
dos espazos interiores e a reparación da grella e doutros elementos deteriorados. Tamén se substituirá o falso teito de madeira por un novo sistema desmontable de lamas de
PVC e renovaranse as carpintarías exteriores con novas ventás de PVC e dobre
acristalamento baixo emisivo, mellorando o illamento e a eficiencia do edificio. Ademais, repararanse as contras de madeira e tratarase unha das vigas interiores afectada por
axentes xilófagos.
PUBLICIDADE
As tres intervencións enmárcanse nos programas municipais Silleda Co-labora e Silleda Dinamiza, cos que o Concello busca ampliar os servizos de proximidade, promover o
envellecemento activo, apoiar a actividade económica local e reforzar a vida comunitaria das parroquias.
Estas actuacións forman parte dun plan máis amplo de renovación e modernización dos
equipamentos sociais municipais que o Concello de Silleda está a desenvolver nas distintas parroquias. Neste marco, xa están en marcha intervencións noutros centros sociais como os de Saídres, Lamela, Moalde, Piñeiro, O Curro (Cira) e Cortegada, co obxectivo de mellorar as súas instalacións, incrementar a súa funcionalidade e garantir espazos máis confortables, accesibles e adaptados ás necesidades da veciñanza.








Comentarios