Os traballos foron encargados a Antonio González Abal, artesán local da firma Coas Mans Artesanía, que realizou no seu día estas creacións
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda está a proceder nestes días a restauración dalgúns dos murais pintados no seu día en distintos emprazamentos da vila. Os traballos foron encargados a Antonio González Abal, artesán local da firma Coas Mans Artesanía, que realizou no seu día estas creacións.
Así ademais do mural adicado á Banda de Música de Silleda, que se atopa na praza da Igrexa, tamén se procederá a restaurar o mural do pan, na praza de Benito Rivas, o das palabras máis fermosas en galego ou o que está situado no barrio de Outeiro.
Trátase de creacións emblemáticas promovidas no seu día por entidades coma a Asociación Olaia en colaboración co Concello, Adellís ou a banda, que forman xa parte do imaxinario local e da estética da vila e que logo de varios anos precisan de diferentes arranxos. A reparación de grietas, dotación de novos barnices para protexer as pinturas… son algunhas das actuacións que se están xa a levar a cabo.
Tamén se vai a reparar, a cargo de González Abal, o mural co mapa do municipio que estaba instalado na praza Siñor Afranio, e que se recolocará no mesmo emprazamento unha vez rematadas as obras de humanización do tramo da rúa Progreso.
O alcalde, Manuel Cuiña, destaca que estes traballos son hoxe en día un símbolo para Silleda e polo tanto, deben de ser tratados para a súa axeitada conservación.
Comentarios