Nos últimos días colocouse o novo dispositivo no bombeo situado na parroquia de Taboada, no río Deza
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda vén de mellorar o servizo de abastecemento municipal de augas coa substitución dunha das dúas bombas da estación de Taboada, xunto ao río Deza. Operarios do servizo municipal procederon á colocación da nova bomba, cun custe de 10.000 euros, ca que se mellorará a calidade no servizo. A estación de bombeo da captación de Taboada, que abastece á traída municipal na rede Silleda, conta con dúas bombas que funcionan de forma alterna cando é preciso.
O cambio produciuse debido á necesidade de mellorar polo desgaste dunha delas. “Con este reemplazo continuamos mellorando a rede municipal de abastecemento, despois da ampliar nos últimos anos as captacións das traídas municipais”, indica o alcalde, Manuel Cuiña. Esta actuación vén a complementar outras realizadas nos últimos anos como a ampliación da captación da traída da Bandeira, para evitar os bombeos dende o río Toxa. “Ademais de contar con augas con maior calidade, ao evitar bombear dende o río, algo ao que se viña recurrindo en épocas de sequía, tamén conseguimos un notable aforro enerxético”, explica o alcalde, Manuel Cuiña, sobre a captación que se ampliou en Cumbraos (Escuadro) a finais do ano 2018 con auga que se envía directamente ao depósito municipal.
Tamén se acometeu unha ampliación da captación de Silleda nunha zona de monte en Siador, co obxectivo de evitar tamén o bombeo. “Logo de apostar por extender a traída municipal ao rural, comezando polas parroquias máis próximas aos núcleos urbanos de Silleda e da Bandeira, con esta actuación acadouse tamén unha considerable mellora no
servizo”, sinala Cuiña lembrando que o Concello de Silleda asumiu a xestion do servizo a principios do ano 2017.
Así mesmo, o pasado ano tamén se levou a cabo outra importante actuación no servizo, coa eliminación do último tramo que quedaba de tubaxe de uralita, co que toda a rede actual é xa de PVC , algo do que poucos municipios dispoñen. “Seguimos apostando logo de mellorar as captacións dos depósitos que abastecen a Silleda e A Bandeira para evitar os bombeos, por mellorar a canalización”, indica Cuiña lembrando a extensión da traída a varias parroquias nos últimos anos, e as melloras logradas ca municipalización do servizo, rebaixando os prezos aos usuarios.
Nos últimos anos levaronse a cabo obras para estender a rede a parroquias como Taboada, Cortegada, Saídres, Ponte, O Castro, Manduas ou o lugar de Toxa, entre outros.
Comments