top of page

O Concello de Silleda renova o distintivo Bandeira Verde de Galicia

Isto facilitará que obteña maiores puntuacións á hora de optar a subvencións autonómicas vinculadas ao patrimonio natural e á xestión dos residuos de competencia municipal


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda vén de renovar o distintivo Bandeira verde de Galicia, que acadou por primeira vez o pasado ano 2024. Así Silleda volve a figurar entre os 33 concellos distinguidos nesta convocatoria. A resolución foi publicada onte no Diario Oficial de Galicia, dia no que tamén se celebrou no pazo de Mos o acto de entrega das bandeiras. Por parte do Concello de Silleda asistiron ao acto, con presenza do presidente da Xunta, a

tenente de alcaldesa, Mónica González, o concelleiro de Transición Ecolóxica, Manuel Requeijo e a concelleira de Educación, Ángela Troitiño.


A consecución deste distintivo facilitará que Silleda obteña maiores puntuacións á hora de optar a subvencións autonómicas vinculadas ao patrimonio natural e á xestión dos residuos de competencia municipal. Deste xeito, poderase seguir consolidando ademais o compromiso de cumprimento coa Axenda 2030.


González Conde sinala que "a Bandeira Verde non só destaca o compromiso medioambiental de Silleda, senón que tamén abre novas oportunidades para seguir avanzando en políticas de sustentabilidade e protección do entorno natural, mellorando a calidade de vida da nosa veciñanza". Destacáronse as políticas implantadas en ámbitos como a xestión dos residuos, a mobilidade sostible e a protección da paisaxe. Tamén se valorou a existencia do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), elaborado coa colaboración veciñal e que xa se materializou en actuacións como as executadas na rúa

Progreso, no centro de saúde ou nas sendas de Toiriz. Súmanse outras actuacións en marcha como a mellora integral do centro da Bandeira ou da rúa Arturo Pérez Lázara.

ree

Outras accións que tamén puntuaron para lograr este recoñecemento da Xunta foron a adhesión ao Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible (PACES) —para reducir un 40 % as emisións de gases de efecto invernadoiro antes de 2030—, así como o Plan municipal de emerxencias e xestión do risco de seca, que garante un uso responsable da auga.


Tamén se valorou o proxecto da Rede de Calor con Biomasa, baseada no autoabastecemento mediante enerxías renovables, xunto con actuacións como a implantación do contedor marrón -sendo Silleda o primeiro municipio da comarca en cumplir ca normativa-, a entrega gratuíta de máis de seiscentos composteiros domésticos e a organización de xornadas formativas e divulgativas. Todo iso contribúe a reducir ata nun 35 % a fracción orgánica dos residuos.


O Plan Estratéxico de Localización e Posta en Marcha dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 tamén figuraba na memoria valorada pola Xunta para outorgar o distintivo, ademais da adhesión de Silleda á Rede de Entidades Locais que promoven estas medidas no ámbito municipal.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

O goberno municipal agradece este recoñecemento á Administración Autonómica, "resultado do traballo dos últimos anos, con gobernos comprometidos co medio ambiente e que agora se renova grazas ao mantemento e mellora das accións ambientais”, indica Manuel Requeijo.


Con este galardón, a Xunta de Galicia recoñece o esforzo dos concellos que destacan pola concienciación ambiental, pola protección do territorio, polo respecto ao paisaxe e pola calidade de vida da cidadanía. Nesta convocotaria foron distinguidos un total de 33 dos 36 concellos que se presentaron. Da provincia de Pontevedra só figuran ademais de Silleda os concellos de A Illa, Sanxenxo, Tomiño. Ponte Caldelas e Mos. “Desde o Concello queremos expresar o noso agradecemento a todas as persoas que colaboraron nesta candidatura: persoal municipal, colectivos e cidadáns comprometidos co medio ambiente”, sinala Requeijo.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page