Esta dotación realizase a través da liña de subvencións da Deputación de Pontevedra para sinalización de elementos patrimoniais
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda está a acometer, a través da liña de subvención para Rehabilitación e Sinalización do patrimonio histórico cultural da Deputación de Pontevedra a substitución
das sinais indicadoras do Castro de Toiriz. Así, nas últimas xornadas procedeuse á substitución das existentes, - algunhas delas moi deterioradas polo paso do tempo- colocando novos indicadores para chegar a este xacemento arqueolóxico, situado a escasos metros do casco urbán da vila de Silleda, continuando así ca posta en valor deste castro. En total son sete as sinais renovadas.

Do mesmo xeito, e tamén grazas a esta liña de subvencións, colocáronse outros catro novos paneis indicadores sinalizando o Museo do Campo Galego e da Mecanización, situado xunto ao recinto feiral da Semana Verde.
Este museo, un dos máis grandes de Galicia, con máis de 4.000 metros cadrados de exposición, recolle o devir do agro, dende a prehistoria ata os nosos días, contando con apartados expositivos de interese coma o que recolle vehículos agrícolas da mítica firma Barreiros. Neste caso son catro as sinais indicadoras que se instalan en distintos puntos de Silleda. A subvención da Deputación para este proxecto de sinalización ascende a 4.041 euros.
Nos últimos anos, grazas a esta mesma liña de axudas da entidade provincial, tamén se levaron a cabo actuacións como a posta en valor da capela de San Brais en Chapa e o seu entorno, a do núcleo de O Foxo, ou a do patrimonio arqueolóxico da zona sur do municipio (Laro, Cortegada e Oleiros).
Komentáre