O ente local publica o listado provisional de persoas admitidas/excluídas para a praza de animador/a sociocultural
Laura Moure/Silleda
Rematado o prazo de presentación o 30 de setembro, recibíronse en total 14 solicitudes para as Subvencións a Deportistas Individuais Federados/as do Concello de Silleda para a
tempada 2023/2024. A comisión de valoración fixo unha primeira revisión, na cal 11 das 14
solicitudes presentadas teñen que adxuntar máis documentación, tendo 10 días como prazo de subsanación. Pasado este tempo, a comisión volverá reunirse para establecer a baremación das axudas.
Estas subvencións están destinadas á práctica deportiva de xeito individual ou por parellas, cunha dotación económica total de 3.000 euros. Serán gastos subvencionables a adquisición de material deportivo, gastos de desprazamento para participar en competicións, pago de adestradores… e os relacionados ca práctica deportiva. As bases foron publicadas no BOP do 12 de abril.
Publicidade
“Con estas bases, que se elaboran por segunda vez no Concello de Silleda, buscamos apoiar ás persoas deportistas que a nivel individual están competindo en circuítos oficiais a nivel tanto galego coma nacional”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.
Por outra banda, o Concello de Silleda vén de publicar a lista provisional de admitidos/as para a praza de animador/a sociocultural como funcionario/a interina, a fin de cubrir a baixa médica da persoa que ocupa o posto.
Publicidade
O prazo de solicitudes acabou o venres 13 deste mes, presentándose en total 23 persoas, das cales dúas foron descartadas por enviar a solicitude fóra de prazo. Establécense cinco días naturais para presentar reclamacións á citada listaxe ou enmedar deficiencias. A lista pode consultarse no taboleiro de anuncios da sede electrónica e tamén na web do Concello de Silleda.
Comments