O Concello de Silleda propón soterrar a LAT A Estrada-Paizás ao seu paso por Cira e Dornelas
O prazo de información pública rematou onte con 15 alegacións rexistradas no Concello por parte da veciñanza
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda vén de remitir nos últimos días á Consellería competente en materia de Industria o informe técnico municipal sobre o proxecto da Liña de Alta Tensión de 66 kV A Estrada-Paizás, no que propón modificar o trazado previsto no municipio e soterrar a liña ao seu paso pola zona de concentración parcelaria de Cira-Dornelas empregando camiños de titularidade pública. O prazo para formular alegacións rematou este martes e, segundo os datos do rexistro municipal, 15 reclamacións da veciñanza foron presentadas a través do Concello de Silleda.
O documento elaborado polos servizos técnicos municipais analiza as afeccións do proxecto desde o punto de vista urbanístico, agropecuario, ambiental, patrimonial e sobre os bens de titularidade municipal. Un dos principais reparos refírese ao paso aéreo da liña por terreos da concentración parcelaria Cira-Dornelas, clasificados como solo rústico de especial protección agropecuaria. O informe advirte de que as servidumes derivadas da LAT, xunto coas limitacións para o emprego de maquinaria, as plantacións ou as faixas de prevención de incendios, poden afectar de maneira importante á explotación das parcelas e á súa produtividade.

Por este motivo, os técnicos municipais propoñen unha solución alternativa que permitiría soterrar o trazado por camiños de concentración de titularidade municipal, evitando boa parte das afeccións derivadas do tendido aéreo. Esta alternativa aparece definida graficamente no propio informe para os distintos tramos comprendidos entre os apoios previstos e a subestación de Paizás.
Vivendas a só 65 metros do trazado
O informe incide tamén na proximidade da infraestrutura a zonas habitadas. A normativa do PXOM de Silleda establece que nun radio de 200 metros arredor dos núcleos de poboación as liñas de alta e media tensión serán soterradas, salvo que existan xustificacións previas debidamente aprobadas que aconsellen a instalación aérea.
Neste sentido, os técnicos municipais constatan que existen edificacións residenciais a menos de 100 metros do trazado previsto e unha vivenda situada a aproximadamente 65 metros do vano entre os apoios 81 e 82.
O Concello considera ademais insuficiente a análise sobre os posibles efectos dos campos electromagnéticos na saúde e na calidade de vida incluída no Estudo de Impacto Ambiental, precisamente pola proximidade dalgunhas vivendas. O informe sinala que o soterramento proposto reduciría tamén esta afección.
Camiño de Santiago, patrimonio e impacto paisaxístico
Outro dos aspectos analizados é a incidencia sobre a Vía da Prata, os núcleos rurais de Bascuas e O Curro e distintos elementos patrimoniais protexidos, entre eles o Castro Lóbrigo, Castrillón e o Pazo de Penaporrín. O informe conclúe que a documentación presentada polo promotor non concreta suficientemente as medidas correctoras para preservar a calidade paisaxística e patrimonial destas zonas e reclama actuacións específicas para reducir o impacto visual da infraestrutura.
PUBLICIDADE
Tamén se presta especial atención aos camiños e estradas municipais que se utilizarían tanto para executar os tramos soterrados como para acceder aos apoios durante as obras. O Concello reclama que o proxecto contemple expresamente a reposición dos firmes e dos bens municipais que poidan resultar deteriorados, así como a presentación previa por parte da empresa construtora das garantías financeiras necesarias para responder por estes danos.
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, destaca que o informe “recoge de maneira rigorosa as afeccións que vimos advertindo desde que tivemos acceso ao proxecto e, o que é máis importante, non se limita a sinalalas, senón que formula unha alternativa que permitiría reducir de maneira moi importante o impacto sobre a veciñanza e sobre o territorio”.
Fernández lembra que o Concello xa mantivo en setembro unha reunión informativa en Cira para explicar o proxecto e escoitar ás persoas afectadas. “Desde o primeiro momento dixemos que iamos analizar toda a documentación con detalle e defender os intereses da veciñanza. O informe técnico confirma que existen razóns suficientes para pedir que se estudie unha solución diferente ao tendido aéreo previsto”, engade.
PUBLICIDADE
A rexedora sinala que o Concello respecta a necesidade das infraestruturas enerxéticas, pero considera imprescindible “buscar a solución que cause o menor impacto posible cando existen alternativas tecnicamente viables e que, neste caso, ademais aproveitan camiños públicos xa existentes”.
O informe conclúe que, aínda que a actuación resulta urbanisticamente autorizable en solo rústico de especial protección, deberá contar cos correspondentes informes sectoriais da Consellería do Medio Rural, Augas de Galicia, ADIF e a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Ademais, considera insuficientemente analizadas as afeccións ambientais vinculadas á proximidade das vivendas e o impacto paisaxístico sobre o Camiño de Santiago, os núcleos rurais e o patrimonio, e sinala que os trazados soterrados alternativos propostos polo Concello suporían unha mellora respecto destas afeccións.









Comentarios