O Concello de Silleda lembra a Alonso Ríos, a Fernández Colmeiro e a Teófilo del Valle
O obxectivo é reivindicar a memoria democrática
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda desenvolverá nas vindeiras semanas unha programación especial de Memoria Democrática coa que se pretende recuperar, divulgar e poñer en valor a traxectoria de tres silledenses cuxas vidas quedaron estreitamente ligadas á historia política e social do século XX: Antón Alonso Ríos, José María Fernández Colmeiro e
Teófilo del Valle. As tres citas, que se desenvolverán entre setembro e outubro, achegarán á cidadanía historias moi diferentes pero atravesadas por un denominador común: a defensa das liberdades, o compromiso social e as consecuencias da represión ou do exilio.
A programación arrancará este sábado 12 de setembro co Roteiro do Siñor Afranio, unha andaina teatralizada pola terra natal de Antón Alonso Ríos, que permitirá redescubrir a súa historia, o seu pensamento e algúns dos lugares que marcaron a súa vida. A saída será ás 9:30 horas desde a Praza do Siñor Afranio, nunha proposta organizada polo Concello de Silleda xunto coa Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, Condado e Louriña e SIC Iniciativas Culturais. Moncho Fernández Leal dará vida durante o
percorrido a Afranio do Amaral, a identidade utilizada por Alonso Ríos durante a súa fuxida despois do golpe de Estado de 1936, con contextualizacións históricas baseadas nun texto de Julián Castro Vicente.

Nado en Camporrapado, na parroquia de Cortegada, en 1887, Alonso Ríos foi mestre, emigrante, líder agrarista, galeguista e deputado a Cortes por Pontevedra en 1936. Participou activamente na campaña polo Estatuto de Galicia e, despois do golpe militar, conseguiu sobrevivir durante anos ocultando a súa identidade baixo o nome de Afranio do Amaral antes de poder exiliarse novamente na Arxentina. Foi tamén un dos fundadores, xunto con Castelao, Suárez Picallo e Elpidio Villaverde, do Consello de Galiza en Montevideo en 1944.
O roteiro deste sábado percorrerá enclaves como o Alto de San Bieito do Candán, Freixeiro, Laro, Oleiros ou Camporrapado, para rematar na vila de Silleda, reconstruíndo a través da propia paisaxe a infancia, a formación e o ideario dunha das grandes figuras do galeguismo do século XX.
PUBLICIDADE
Homenaxe a Fernández Colmeiro no aniversario do seu nacemento
A segunda cita chegará o luns 21 de setembro, coincidindo precisamente co aniversario do nacemento de José María Fernández Colmeiro, cun acto conmemorativo que terá lugar ás 12:00 horas no Centro de Saúde de Silleda. Nado no lugar de Toxa o 21 de setembro de 1898, Fernández Colmeiro desenvolveu unha extraordinaria carreira científica no ámbito da oncoloxía. Emigrou sendo moi novo a Montevideo, onde cursou os estudos de Medicina, e acabou converténdose nunha figura de referencia internacional no tratamento
do cancro mediante radioterapia. En París chegou a dirixir o Servizo de Roentxenterapia da Fundación Curie, e en 1952 a Academia Nacional de Medicina de Francia distinguiuno polos seus traballos sobre o tratamento do cancro con raios X.
A súa dimensión científica estivo unida tamén a un firme compromiso político e humanitario. Republicano convencido, formou parte nos anos trinta da Liga contra o Fascismo, o Nacionalsocialismo e as Persecucións Raciais. Co estalido da Guerra Civil permaneceu ao servizo da República, colaborando desde Xibraltar na atención e evacuación de persoas republicanas, e posteriormente participou no Comité de Axuda Sanitaria aos republicanos españois en Francia. Morreu exiliado en París en 1959.
O acto do día 21 pretende así recuperar non só o legado dun dos científicos máis destacados nacidos no municipio, senón tamén a dimensión humana e democrática dunha figura que viviu boa parte da súa vida lonxe da súa terra.
Silleda recupera a memoria de Teófilo del Valle
O programa rematará o venres 2 de outubro, cun acto especialmente significativo dedicado a Teófilo del Valle Pérez, nado en Silleda en 1956 e considerado a primeira vítima mortal da violencia política da Transición. Teófilo naceu en Silleda o 1 de febreiro de 1956. A súa familia residiu durante anos na vila antes de trasladarse primeiro a Asturias e posteriormente a Elda, en Alacante. Alí, con apenas 20 anos, traballaba no sector do calzado e viviu de primeira man as intensas mobilizacións laborais de comezos de 1976.
Na noite do 24 de febreiro de 1976, no contexto das protestas obreiras de Elda e Petrer, Teófilo del Valle morreu a consecuencia dos disparos efectuados por un membro da Policía Armada. O caso foi xulgado pola xurisdición militar, que absolveu ao autor dos disparos aplicando a eximente de cumprimento do deber, sen que a familia puidese exercer daquela a acusación particular. A súa morte provocou unha enorme conmoción social e unha multitudinaria resposta cidadá e converteu o seu nome nun dos símbolos da violencia política durante os primeiros meses posteriores á morte de Franco. Medio século despois, a súa familia continúa reclamando verdade, xustiza e reparación.
PUBLICIDADE
O acto de Silleda incluirá a proxección do documental Las tres muertes de Teófilo del Valle, dirixido polo investigador e cineasta Manuel de Juan, un traballo documental baseado nunha ampla investigación e en testemuños sobre os feitos acontecidos en febreiro de 1976 e sobre o posterior proceso xudicial. A película, estreada hai poucos anos, vén sendo proxectada en distintos puntos do Estado dentro de ciclos e iniciativas de memoria democrática. Con esta programación, o Concello de Silleda pretende achegar a memoria democrática á cidadanía desde historias profundamente vinculadas co propio territorio, recuperando persoas e episodios que forman parte da historia colectiva do municipio e que permiten comprender tamén as dificultades do camiño cara ás liberdades e á democracia.
“Temos a obriga de coñecer e transmitir a historia das persoas do noso municipio que defenderon as liberdades e que, por diferentes circunstancias, sufriron o exilio, a persecución ou a violencia. Recuperar as súas historias é tamén unha forma de preservar a nosa memoria colectiva”, sinala a concelleira de Cultura, Mónica González.
A programación reúne deste xeito tres xeracións e tres historias moi diferentes: a do mestre, agrarista e político Antón Alonso Ríos; a do médico e científico republicano José María Fernández Colmeiro; e a dun mozo, Teófilo del Valle, ao que a violencia truncou a vida con só vinte anos. Tres nomes vencellados a Silleda que regresan agora á memoria pública a través desta programación municipal.









Comentarios