O Concello de Silleda investiga a autoría de actos vandálicos nas pistas de pádel de O Castro
- Laura Moure

- hace 40 minutos
- 2 Min. de lectura
Laura Moure/Silleda
As pistas municipais de pádel de O Castro, nas que o Concello vén de realizar recentemente melloras e novas dotacións —como o cambio de redes e elementos de seguridade— foron obxecto de actos vandálicos nos últimos días. A Policía Local de Silleda xa abriu unha investigación para esclarecer a autoría destes feitos, que provocaron diversos danos nas instalacións, entre eles a rotura dunha das portas de acceso ás
pistas, así como o deterioro de tensores e redes que foran substituídos hai menos dun mes.

Desde o goberno municipal amósase unha fonda preocupación por estes feitos, que supoñen un prexuízo directo para un espazo deportivo de uso público moi demandado pola veciñanza. “Falamos dunhas instalacións que son patrimonio de todos e todas, mantidas con recursos públicos, polo que este tipo de comportamentos son absolutamente inaceptables”, sinalan desde o Concello, que lembra que cada acto vandálico implica un custo económico que recae no conxunto da cidadanía.
Publicidade
Paralelamente á investigación policial, e a través de testemuños de persoas usuarias habituais das pistas, tamén se ten detectado un uso indebido das mesmas, tanto fóra dos horarios autorizados como incumprindo as normas básicas de utilización e conservación. “O mal uso das instalacións deportivas é unha forma máis de deterioro que non se pode tolerar, xa que afecta á seguridade e ao dereito do resto da veciñanza a gozar destes espazos en boas condicións”, subliñan fontes municipais.
Cómpre lembrar que o Concello de Silleda pon a disposición do público dúas pistas cubertas de pádel mediante un sistema de reserva en liña a través da páxina web municipal, precisamente para garantir un uso ordenado, responsable e equitativo das instalacións. Neste senso, o goberno local fai un chamamento á responsabilidade individual e colectiva, ao tempo que anuncia que se están a estudar distintas medidas para evitar que se repitan incidentes deste tipo, incluíndo un reforzo do control e outras actuacións que garantan a correcta conservación das pistas.
Publicidade
Desde o Concello non se descarta adoptar medidas máis restritivas se continúan este tipo de comportamentos, ao tempo que se insiste en que a colaboración cidadá é fundamental para detectar usos indebidos e preservar uns servizos públicos que son de todos e para todos.








Comentarios