O Concello de Silleda iniciará nos vindeiros días a reforma integral do parque de Laro
- Laura Moure

- 30 oct
- 2 Min. de lectura
O goberno municipal mantivo un encontro ca nova directiva da Asociación de Veciños da parroquia para explicar esta actuación que xa fora comprometida o pasado ano
Laura Moure/Silleda
O goberno municipal de Silleda mantivo unha reunión coa nova directiva da Asociación de Veciños de Laro para presentar o proxecto de reforma integral do entorno do centro social, onde se sitúa tamén o parque infantil da localidade. A actuación, cun orzamento de 46.000 euros, xa fora comprometida o pasado ano polo executivo silledense e levarase a cabo finalmente con fondos do Plan Máis Provincia da Deputación de Pontevedra (Liña 1) correspondentes a este exercicio, despois de presentarse sen éxito a unha convocatoria da Xunta de Galicia.

Os traballos, que comezarán nos vindeiros días, foron adxudicados á empresa Míguez Xestoso, que presentou a mellor oferta dentro da convocatoria á que se convidou a todas as empresas de construción do municipio.
O proxecto contempla a rehabilitación integral do espazo situado na parte posterior do centro social, cun novo peche perimetral e a creación de dúas zonas diferenciadas: por un lado unha área destinada ao parque infantil, que renovará os elementos de xogo; e outra área de descanso e convivencia veciñal, con novo mobiliario urbano, integrando tamén o parque biosaudable existente, que será recolocado. Tamén se renovarán os pavimentos e o mobiliario deteriorado, e prestarase especial atención á seguridade e integración, para que o espazo poida ser utilizado por persoas de todas as idades.
Publicidade
Durante a reunión coa directiva da asociación, a alcaldesa Paula Fernández Pena destacou que “esta actuación responde a un compromiso adquirido co veciñal de Laro e permitirá modernizar e dignificar este espazo para uso tanto para nenos como para persoas maiores”.
Engadiu ademais que “este tipo de proxectos demostran o noso compromiso coa mellora continua dos equipamentos parroquiais, apostando por espazos seguros e de calidade, que fomenten a convivencia e a vida comunitaria no rural”.
Publicidade
A reunión serviu tamén para recoller novas demandas e propostas da directiva da Asociación de Veciños, que vén de renovarse, e á que Fernández Pena agradeceu o paso dado para seguir traballando por esta parroquia.








Comentarios