top of page

O Concello de Silleda inicia o expediente para adquirir unha furgoneta eléctrica e un remolque

A actuación conta cunha subvención de 28.425,44 euros concedida pola Xunta de Galicia con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda vén de iniciar o expediente para a adquisición dunha furgoneta eléctrica e dun remolque homologado para o transporte de maquinaria e ferramenta de xardinería, unha actuación que conta cunha subvención de 28.425,44 euros concedida pola Xunta de Galicia ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental 2026.


A axuda, outorgada dentro da liña de concorrencia non competitiva destinada a concellos, permitirá financiar a totalidade do investimento previsto para a adquisición deste novo equipamento municipal.

O proxecto inclúe a compra dunha furgoneta usada 100% eléctrica, destinada aos desprazamentos e tarefas vinculadas á xestión ambiental municipal, así como dun remolque homologado que permitirá transportar con maior seguridade e eficiencia maquinaria pesada, ferramenta e outros medios necesarios para os traballos que se desenvolven nos espazos públicos e naturais do municipio.


A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, destaca que “esta actuación permítenos seguir modernizando os medios municipais e facelo, ademais, con criterios de sustentabilidade e eficiencia”. A rexedora sinala que “nun concello como Silleda, cun territorio amplo, numerosos núcleos de poboación e moitos espazos naturais e zonas verdes que atender, é fundamental contar con equipamentos axeitados para mellorar o traballo diario dos servizos municipais”.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

A nova furgoneta eléctrica contribuirá á redución de emisións contaminantes e á diminución do consumo de combustible, avanzando na renovación progresiva do parque móbil municipal cara a modelos máis respectuosos co medio ambiente.


Pola súa banda, o remolque facilitará o transporte seguro de maquinaria de xardinería, reducindo os tempos de carga e descarga e mellorando a eficiencia operativa do persoal municipal. Este equipamento será especialmente útil para tarefas como a conservación e mantemento de zonas verdes, a limpeza e roza preventiva en contornos naturais, a prevención de incendios forestais en zonas periurbanas, a conservación de áreas recreativas, a retirada de restos vexetais ou o control e seguimento ambiental de espazos públicos.


A alcaldesa, Paula Fernández, subliña que “o obxectivo é reforzar a capacidade de resposta do Concello nas actuacións ambientais e de mantemento, optimizando os recursos públicos e mellorando a prestación dos servizos á veciñanza”. A mandataria engade que “o aproveitamento de liñas de financiamento como o Fondo de Compensación Ambiental resulta clave para poder acometer investimentos necesarios sen que supoñan unha carga directa para as arcas municipais”.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe e contacta con nós!
Preme na imaxe e contacta con nós!

O investimento total previsto ascende a 28.425,44 euros, dos que 25.005,44 euros corresponden á adquisición da furgoneta eléctrica e 3.420 euros ao remolque para transporte de maquinaria


Con este novo expediente, o Concello de Silleda avanza na mellora dos medios materiais destinados á protección ambiental, á conservación do espazo natural e ao mantemento dos servizos municipais, apostando por equipamentos máis eficientes, sostibles e adaptados ás necesidades reais do territorio.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page