top of page

O Concello de Silleda inicia a renovación integral da zona de xogos da praza da Igrexa

Hoxe abre o prazo para reservar mesas na cea da L Festa da Empanada da Bandeira


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda vén de iniciar as obras de renovación integral da zona de xogos da Praza da Igrexa, unha actuación que permitirá modernizar por completo unha das áreas infantís máis concorridas da vila e mellorar a súa conexión co conxunto da praza.

A intervención contempla a renovación de todos os xogos infantís, coa instalación de novos elementos, así como a transformación da propia configuración do espazo. Para iso, rebaixaranse os niveis da actual área de xogos, eliminando os desniveis e deixando toda a praza nunha única plataforma, coa igrexa como único elemento sobreelevado.


Esta nova disposición permitirá crear un espazo máis amplo, continuo e accesible, facilitando os percorridos e integrando de maneira máis natural a zona infantil co resto da praza.


As obras foron adxudicadas á empresa Construcciones y Obras Taboada Ramos, S.L.U. por un importe total de 162.562,82 euros, IVE incluído. A actuación está financiada ao abeiro da Liña 1 de Investimentos do Plan +Provincia 2025 da Deputación de Pontevedra.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

O proxecto inclúe tamén a instalación dun novo pavimento continuo de seguridade e absorción de impactos. Entre as melloras incorporadas pola empresa adxudicataria figura a ampliación deste pavimento ata completar os 278,87 metros cadrados da superficie da área infantil.


As melloras complétanse coa plantación de árbores de gran porte e de distintas unidades de lavanda, reforzando a presenza de vexetación e contribuíndo a crear unha contorna máis agradable e confortable. “Estamos a falar dunha renovación completa, tanto dos xogos como da configuración do espazo. O obxectivo é gañar en accesibilidade, seguridade e comodidade, pero tamén conseguir que a zona infantil deixe de funcionar

como un espazo separado e pase a formar parte plenamente da praza”, sinala a alcaldesa, Paula Fernández Pena, que hoxe visitou os traballos.


Aproveitamento dos xogos actuais

Os elementos que se retiren serán revisados e acondicionados antes de seren reubicados en diferentes espazos públicos do municipio, sempre que cumpran as condicións de seguridade necesarias.

PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Deste xeito, o Concello prolongará a súa vida útil e evitará desbotar xogos que aínda poden continuar prestando servizo, aplicando criterios de economía circular e aproveitamento responsable dos recursos municipais. “Renovar non significa necesariamente desbotar. Aqueles elementos que poidan seguir sendo útiles terán unha segunda vida noutros puntos de Silleda, unha vez revisados e preparados adecuadamente”, engade Fernández Pena.


A actuación permitirá así renovar unha das principais zonas de lecer infantil da vila e, ao mesmo tempo, mellorar o conxunto da Praza da Igrexa, avanzando cara a un espazo público máis accesible, verde, seguro e pensado para a convivencia.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Por outra banda, a Asociación Amigos da Empanada da Bandeira abrirá hoxe, mércores 5 de agosto, o prazo para reservar mesas para a tradicional cea de peñas da L Festa da Empanada da Bandeira, declarada Festa de Interese Turístico Nacional.


As reservas poderán formalizarse ata o martes 18 de agosto, tanto de maneira telemática como presencial. A atención presencial realizarase no Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira, de luns a venres —agás sábados e domingos—, en horario de 18:00 a 21:30 horas.


No caso da reserva telemática, deberá tramitarse mediante WhatsApp no número 621 087 117. Para completar a reserva será necesario efectuar o pagamento correspondente na conta de ABANCA ES07 2080 5013 7230 0008 6620, indicando como destinataria a Asociación Amigos da Empanada. No concepto do ingreso deberá figurar “Reserva mesas peña” seguido do nome da peña, co fin de facilitar a correcta identificación da solicitude.


Os prezos mantéñense sen cambios respecto ao pasado ano. No caso das persoas socias da Asociación Amigos da Empanada, as dúas primeiras mesas terán un custo de 20 euros cada unha, mentres que a terceira mesa e as seguintes custarán 25 euros por unidade. Para as persoas non socias, o prezo será de 35 euros por mesa.

PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Tamén se manterá a posibilidade de participar na cea sen reservar unha mesa completa, cun prezo de 2 euros por persoa.


A cea de peñas celebrarase o sábado 22 de agosto ás 22:00 horas, no marco da xornada central da L Festa da Empanada. A cita, con pregón do actor Carlos Blanco e o tradicional concurso e subasta de pezas, estará amenizada polos grupos Xirandola, as charangas Leña Verde e Os Atrevidos e dará paso, a partir da medianoite, á gran verbena coas orquestras Olympus e París de Noia.


Dende a Asociación Amigos da Empanada recoméndase non agardar aos últimos días para realizar as reservas, dada a complexidade organizativa e loxística que supón preparar unha das citas máis multitudinarias da programación.


A L Festa da Empanada da Bandeira celebrarase do 20 ao 23 de agosto, cunha ampla programación musical, gastronómica e cultural organizada pola Asociación Amigos da Empanada da Bandeira coa colaboración das administracións públicas, empresas, comercios, colectivos e veciñanza.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page