O Concello de Silleda incorpora o aerobic como novidade no programa Silleda Activa
- Laura Moure

- 12 ago 2025
- 2 min de lectura
As inscricións poden formalizarse dende hoxe, martes 12 de agosto, ata o vindeiro día 25
Laura Moure/Silleda

O programa Silleda Activa, impulsado polo departamento municipal de Benestar Social e dirixido a persoas maiores de 65 anos ou pensionistas, regresa no mes de setembro cunha oferta variada para favorecer a saúde física e mental. A principal novidade desta edición é a incorporación do aerobic, unha actividade que combina exercicio cardiovascular con música, ideal para mellorar a resistencia, a coordinación e o estado de ánimo. As sesións terán lugar no Centro Social de Silleda os mércores de 12:00 a 13:00 horas e os venres de 9:10 a 10:10 horas (20 euros ao mes).
Xunto a esta novidade, o programa mantén propostas xa consolidadas como a ximnasia de mantemento, musicoterapia, pilates e os obradoiros de memoria e estimulación cognitiva, que permiten traballar forza, flexibilidade, equilibrio e capacidade cognitiva.
Publicidade
As actividades desenvolveranse nos centros sociais de Silleda e A Bandeira, ofrecendo horarios adaptados de mañana para facilitar a participación, con tarifas que van dende os 22 euros da musicoterapia, os 20 euros da ximnasia, pilates ou aerobic, e ata a actividade de memoria e estimulacion cognitiva que é de balde
Para ter información detallada de horarios e facer as inscricións poden acudir as dependencias municipais ou chamar ao 986 592 037, entre o martes 12 ata o luns 25 de Agosto. Todas as actividades comezarán en setembro, sempre que se cubran as prazas
mínimas establecidas.
Publicidade
Con esta nova edición, o Concello reafirma o seu compromiso coa mellora da calidade de vida das persoas maiores. “Animamos a todas as persoas que nunca teñen participado no Club dos Maiores a que se inscriban e proben estas actividades, que lles permitirá non so mellorar a forma física senón tamén compartir tempo con outros veciños e veciñas”, subliña a concelleira de Benestar Social, Ángela Troitiño.








Comentarios