O Concello de Silleda incopora ao Consello da Muller a vogais de varias entidades
- Laura Moure

- 31 oct
- 3 Min. de lectura
Ademais, aproba a creación de comisións de traballo
Laura Moure/Silleda
O Consello da Muller do Concello de Silleda quedou xa constituido formalmente na sesión celebrada o pasado mércores, seguindo o regulamento aprobado polo Pleno e publicado no BOP de Pontevedra o pasado 19 de setembro. Dende a presidencia do mesmo, a alcaldesa, Paula Fernández, deu a benvida ás persoas que se incorporan como vogais despois dunha primeira convocatoria entre entidades e colectivos. Así, ademais de representantes dos tres grupos políticos municipais, e o xefe da Policía Local de Silleda, tamén forman parte do Consello da Muller, Cogami, a Asociación da Banda de Música Municipal de Silleda, o IES Pintor Colmeiro, e a Asociación Amigos da Empanada.
Todas as persoas integrantes xunto ca concelleira de Igualdade, Ángela Troitiño, que ostenta a vicepresidencia, formarán parte das distintas comisións de traballo que se crearon tamén na sesión (Violencia de Xénero, Emprego, Saúde e Educación Cultura e Deporte).

Así mesmo, tamén se deu conta das actividades previstas ao abeiro do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o vindeiro 25 de novembro, que se abriu ca presentación da diagnose urbana en clave de xénero o pasado sábado e que continuará con distintas campañas e actividades ata o 25-N.
Así, a alcaldesa explicou que o luns inciaránse os obradoiros Activa-das para o empoderamento de mulleres con discapacidade (xa con case todas as prazas cubertas) e avanzou máis detalles sobre a campaña de concienciación tanto a nivel xeral como a destinada a escolares, con obradoiros centrados na prevención e rede de apoio ante a violencia dixital entre a mocidade. E ademais do acto central do 25-N, que volverá a ter un formato colaborativo ca veciñanza, tamén o xoves 13, terá lugar a conferencia de Hanan Kaoud, concelleira de Ramala (Palestina) e experta en xénero, a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidaridade.
Publicidade
“Teremos a oportunidade de contar con esta recoñecida especialista, ademais cun relevante coñecemento en dereitos humanos, para abordar a situación que se vive en Palestina dende o punto de vista humanitario, da gobernanza local e tamén dende unha perspectiva de xénero”, sinalou a rexedora silledense.
Na orde do día figuraba tamén a planificación e posta en común das políticas de igualdade e diversidade a desenvolver no ano 2026.
Publicidade
Neste senso, dende a presidencia do Consello da Muller lembraronse actuacións como o Plan de Igualdade que vai xa pola quinta edición, a recente adhesión de Silleda ao sistema VioGen, a celebracion de Mesas de Seguridade ou o programa de conciliación. A iniciativa (in) VISIBLES, para visibilizar o papel das mulleres en distintos ámbitos, obradoiros de integración, a instalación de Puntos Violetas en eventos ou a realización dun glosario feminista e LGTBI, foron algunhas das accións mencionadas.
Por outra banda, tamén se deu conta da próxima colaboración ca Universidade de Vigo, a través da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, para o deseño dunha campaña de concienciación. Neste senso, informouse que o vindeiro martes terá lugar a primeira reunión para a posta en marcha desta iniciativa. “Dende o Concello de Silleda estamos a plantexar a Igualdade como un eixo transversal nas nosas políticas de actuación”, indicou a alcaldesa. Tamén se agarda que en vindeiras datas se poidan incorporar a este órgano de representación membros de novos colectivos.








Comentarios