top of page

O Concello de Silleda e o BNG celebran o regreso a Galicia das dúas figuras do tímpano de Carboeiro

Ambos piden que se devolvan ao mosteiro silledense


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda e o BNG amosa a súa satisfacción polo acordo anunciado entre a Xunta de Galicia e o Concello de Barcelona que fará posible que dúas das figuras expoliadas do tímpano do Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro regresen a Galicia. O goberno municipal considera esta xornada “histórica” para Galicia e, de xeito especial, para a veciñanza de Silleda e da comarca, ao tratarse dun paso decisivo na reparación dunha inxustiza patrimonial que se prolongou durante décadas. O Concello lembra que estas pezas formaban parte da portada principal do cenobio sendo obxecto, a finais dos anos 50, tal e como recolleron distintas investigacións e documentación histórica do expolio ao que foi sometido o monumento.


“Contentos, pero co obxectivo claro: Carboeiro”

“Dende o Concello de Silleda valoramos moi positivamente que as figuras volvan ao territorio galego. Con todo, trasladamos tamén con claridade a nosa aspiración: que nun futuro poidan retornar ao seu lugar de orixe, o Mosteiro de Carboeiro, para recuperar a lectura completa do conxunto románico e reparar plenamente o vínculo co espazo ao que pertencen e do que foron arrincadas hai 70 anos”, indica a alcaldesa, Paula Fernández.

 Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Para o goberno municipal, a volta das esculturas ao seu lugar de orixe é incuestionable, polo que se fai un chamamento ás Administracións supramunicipais “para a posta en marcha, dunha vez por todas” dun Plan de Musealización do Mosteiro , que permita amosar estas pezas nas condicións que esixe o Museo Marés , condicións que ata o momento só cumpliría o Museo das Peregrinacións.


20 anos de reclamacións

A rexedora indica que con este acordo se pon fin a “20 anos de reclamación, lembrando que xa no ano 2006, a Mancomunidade Terras do Deza aprobou por unanimidade unha moción do grupo socialista da comarca, para reclamar oficialmente ao Concello de Barcelona a propiedade das esculturas e solicitar á Xunta que realizase as actuacións necesarias para facilitar o seu retorno. Daquela, o Museo Marés rexeitara a solicitude indicando que as pezas foran adquiridas lexitimamente á familia Birk en 1980.


Logo dun novo intento en 2017 a raíz do caso de Sijena (Aragón), o empuxe definitivo chegou co achádego do investigador e historiador Francisco Prado-Vilar, que hai agora tres anos desvelaba os documentos da denuncia que acreditaron que as dúas pezas foran sustraídas de xeito ilegal.


Dende o Concello queren tamén poñer en valor o traballo de investigación que axudou a abrir o camiño definitivo cara á devolución e contribuíu a consolidar a fundamentación da reclamación e a activar con máis forza as vías institucionais para o xusto retorno.


Pola súa banda, o BNG de Silleda celebra tamén o acordo e sinala que o traslado estaba previsto para este martes, mais tivo que ser adiado pola borrasca Joseph, que impediu a

chegada da delegación catalá a Santiago.

"As pezas —un Cristo en Maxestade e unha talla cos símbolos de San Lucas e San Xoán— foran roubadas en 1957 e acabaron décadas máis tarde no Museu Frederic Marès de Barcelona, onde permanecían expostas. As investigacións do historiador Francisco Prado Vilar foron decisivas para documentar o espolio e permitir que as administracións recoñecesen a súa procedencia ilícita", recalca o Bloque.


Desde o BNG de Silleda lembran tamén que este avance non sería posible sen o traballo constante no Parlamento Galego das deputadas Ariadna Fernández, da comarca do Deza, e Mercedes Queixas, que durante estes anos mantiveron viva a demanda institucional para a súa restitución.


“Hoxe unha parte da nosa historia comeza o camiño de volta”

A portavoz do BNG de Silleda, Erea Rey, sinalou que esta é “unha xornada emocionante para o noso concello e para o país”, celebrando que “unha parte da nosa historia e do noso patrimonio volta á súa casa”. Subliñou que estas esculturas “non son só de todos os silledenses, senón tamén de todo o pobo galego”.


Rey insistiu en que o obxectivo final debe ser claro: “Gustaríanos que estas pezas puidesen estar expostas na súa casa, Carboeiro; pero para iso ten que existir unha vontade política real para levar adiante un proxecto ambicioso de musealización”.

 Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Un proxecto de futuro: musealizar Carboeiro e recuperar a integridade do monumento

O BNG de Silleda lembra tamén que o regreso das esculturas é só un primeiro paso cara ao obxectivo maior: que algún día poidan volver ao seu lugar de orixe, o tímpano do Mosteiro de Carboeiro, para recuperar a lectura completa dun dos conxuntos románicos

máis importantes do país. O Bloque considera imprescindible que as administracións supramunicipais —Deputación de Pontevedra e Consellería de Cultura da Xunta de Galicia— se impliquen de maneira decidida nun plan urxente de conservación do Mosteiro e na musealización integral do monumento e da súa contorna natural, un espazo de enorme valor patrimonial e turístico situado a poucos minutos da fervenza do Toxa.


Compromiso do BNG

Desde o BNG de Silleda remarcan que, se no futuro teñen a responsabilidade de gobernar o concello, promoverán e impulsarán activamente este proxecto, porque “Carboeiro é unha das xoias do noso patrimonio e merece contar coas condicións necesarias para que as pezas regresen ao lugar do que nunca deberon saír”. O regreso das esculturas, conclúen, “dános a razón a todas as persoas e colectivos que insistimos en que había que traballar sen descanso para recuperar o que é noso”.

Publicidade

Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!
Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!

Chamamento á Xunta e á Deputación: conservación urxente e luz eléctrica

Así mesmo, dende o goberno municipal tamén se fai un chamamento explícito ás administracións supramunicipais —Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra— co fin de impulsar un plan decidido e dotado economicamente para a conservación e mellora do Mosteiro de Carboeiro, un dos primeiros monumentos protexidos de Galicia, declarado Monumento Histórico-Artístico no ano 1931 (hoxe Ben de Interese Cultural).


A pesar do esforzo que está a asumir o Concello, a situación actual supera xa as capacidades municipais e vai máis aló das tarefas de mantemento. Entre outras necesidades, o goberno local alerta de deficiencias de conservación e seguridade, con zonas sinalizadas por risco e elementos estruturais que requiren actuacións inmediatas, e de maneira especial a falta de subministro eléctrico. “A musealización que vimos reclamando dende hai anos e que facilitaría a volta das esculturas ao lugar de onde nunca deberon de saír, debe comenzar con esa aposta clara”, indica a alcaldesa. O Concello considera prioritaria a dotación de subministración eléctrica no mosteiro, unha carencia que condiciona o traballo diario da persoa que atende o recinto durante todo o ano, a mellora da experiencia de visita e da musealización, actividades culturais e, do mesmo

xeito, calquera hipótese futura de retorno das pezas ao seu emprazamento orixinal.




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page