O Concello de Silleda e a Garda Civil organizan charlas para reforzar a seguridade dos maiores
O Concello e ARELA unen esforzos para promover a participación das familias no
programa CONVIVE.COMigo
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda, en colaboración coa Garda Civil, pon en marcha un ciclo de charlas informativas nas parroquias do municipio no marco do Plan Maior Seguridade, unha iniciativa orientada a reforzar a protección das persoas maiores e proporcionarlles ferramentas para previr posibles delitos e situacións de risco na súa vida cotiá. As primeiras sesións celebraranse o martes 27 de outubro, ás 18:30 horas, no centro social de Cortegada, e o mércores 28, tamén ás 18:30 horas, en Lamela.
A programación continuará o martes 17 de novembro, ás 19:00 horas, en Cira. Ademais, nos vindeiros días daranse a coñecer novas datas e localizacións para estender esta iniciativa a outros centros sociais das parroquias do municipio, co obxectivo de achegar a información ao maior número posible de veciños e veciñas.
Prevención de estafas e seguridade no día a día
Durante os encontros, axentes da Garda Civil abordarán diferentes cuestións relacionadas coa seguridade persoal, prestando especial atención ás situacións que poden afectar ás persoas maiores.
PUBLICIDADE
Entre os asuntos que se tratarán figuran a seguridade nos domicilios, a prevención de roubos e furtos, as precaucións nas operacións bancarias e a detección de posibles estafas e enganos. Tamén se ofrecerán recomendacións para un uso seguro dos teléfonos móbiles e de Internet, especialmente ante o incremento das tentativas de fraude a través de chamadas telefónicas, mensaxes e medios dixitais.
As charlas terán un carácter eminentemente práctico e permitirán ás persoas asistentes formular preguntas, resolver dúbidas e coñecer pautas sinxelas de actuación ante posibles situacións de risco.
Dende o Concello de Silleda destácase a importancia de desenvolver este tipo de iniciativas de proximidade, especialmente nun municipio cunha ampla dispersión xeográfica e numerosos núcleos rurais, onde resulta fundamental achegar os recursos informativos e preventivos á veciñanza.
O goberno municipal agradece a colaboración da Garda Civil na organización destas sesións e anima á veciñanza a participar nelas, lembrando que a información e a prevención son ferramentas fundamentais para evitar delitos e reforzar a confianza e a autonomía das persoas maiores. As charlas están abertas á veciñanza interesada e non precisan inscrición previa.
Por outra banda, o Concello de Silleda vén de formalizar un convenio de colaboración coa Asociación ARELA para impulsar no municipio a difusión do programa CONVIVE.COMigo, unha iniciativa que busca persoas e familias dispostas a ofrecer unha contorna de convivencia positiva a adolescentes que deben cumprir unha medida xudicial de convivencia con outra persoa ou familia.
O acordo, aprobado pola Xunta de Goberno Local, permitirá achegar esta iniciativa á veciñanza de Silleda, facilitando información e promovendo a sensibilización social sobre a importancia de ofrecer novas oportunidades a adolescentes que atravesan situacións complexas.

CONVIVE.COMigo é un programa desenvolvido pola Asociación ARELA, entidade sen ánimo de lucro especializada na atención á infancia e á mocidade, que busca persoas e familias dispostas a compartir temporalmente o seu fogar con adolescentes aos que se lles impuxo unha medida xudicial de convivencia. O obxectivo é proporcionarlles un ambiente estable, educativo e positivo que favoreza o seu desenvolvemento persoal, a adquisición de hábitos de convivencia e a súa integración social, contribuíndo tamén a previr posibles situacións de reincidencia.
A través deste convenio, o Concello quere dar a coñecer entre as familias silledenses unha iniciativa que combina solidariedade, compromiso social e acompañamento educativo. As persoas interesadas en participar non estarán soas neste proceso. A Asociación ARELA encárgase de realizar a valoración e selección das familias colaboradoras, proporcionarlles a formación necesaria e ofrecer acompañamento e seguimento profesional durante o desenvolvemento do programa, baixo a supervisión da Administración autonómica competente.
Deste xeito, búscase que a experiencia de convivencia sexa positiva tanto para os adolescentes como para as persoas ou familias que decidan implicarse.
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, destaca que "con este convenio queremos abrir unha porta á solidariedade das familias do noso concello e contribuír a que estes mozos e mozas poidan atopar unha contorna de convivencia que lles axude a reconducir a súa situación e construír novas oportunidades de futuro".
"Ás veces, contar cun ambiente familiar estable, con referentes positivos e con persoas dispostas a acompañar pode marcar unha diferenza moi importante na vida dun adolescente. Por iso consideramos fundamental dar visibilidade a este programa e animar á veciñanza a coñecelo", engade a rexedora.
Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Ángela Troitiño, salienta que "non se trata só de ofrecer un fogar, senón de brindar comprensión, acompañamento e unha oportunidade para avanzar nunha etapa especialmente importante da vida".
PUBLICIDADE
Colaboración municipal e información ás familias
O convenio establece distintas liñas de colaboración entre o Concello e ARELA, entre elas a difusión do programa a través das canles municipais, a organización de sesións informativas e actividades de sensibilización, así como a posibilidade de facilitar espazos municipais para desenvolver estas iniciativas.
O Concello actuará como punto de información e difusión, mentres que ARELA asumirá as tarefas técnicas de valoración, selección, formación e acompañamento das persoas ou familias participantes.
A colaboración enmárcase no compromiso municipal coa protección da infancia e da adolescencia, a inclusión social e o apoio ás familias, reforzando o traballo que se desenvolve desde o departamento de Benestar Social. As persoas que desexen coñecer máis detalles sobre o funcionamento do programa, os requisitos ou o proceso de participación poderán dirixirse ao departamento de Benestar do Concello de Silleda.









Comentarios