top of page

O Concello de Silleda convoca o certame de vídeo “Presume de lingua” para celebrar o Día das Letras Galegas 2024

Está destinado á mocidade do Concello que teña entre 14 e 20 anos


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda vén de poñer en marcha unha nova iniciativa para conmemorar o Día das Letras Galegas. Trátase dun certame de vídeos creativos en formato anuncio

publicitario para defender a lingua e a literatura galega, promover o uso do galego entre a mocidade do municipio e incentivar o interese por coñecer e difundir máis a figura de Luísa Villalta, autora homenaxeada neste ano.

Os vídeos terán que ser de curta duración (mínimo de 30 segundas e máximo, 90). As propostas poden gravarse co móbil ou con cámara doméstica ou profesional. Os traballos deberán ser inéditos e non ter sido presentados a outro concurso ou certame. A temática ten que estar relacionada coa defensa da lingua galega, a literatura galega contemporánea, a escritora Luísa Villalta e/ou o Día das Letras Galegas.


Dáse liberdade creativa á hora de gravar e editar a idea que se queira realizar (ficción, documental, imaxe real, animación, con ou sen voz en off, uso de música...). É preciso que a persoa autora, en caso de que apareza no vídeo, ceda os seus dereitos de imaxe e autorice asimesmo a cesión dos dereitos de imaxe das persoas que poidan saír na gravación. Tamén é obrigatorio que o texto escrito e/ou falado sexa en galego.


Publicidade

En canto ao sistema de elección dos tres vídeos gañadores, o 50% será o reconto dos “me gusta” recibidos nos vídeos participantes que se publicarán na conta oficial de Instagram do Concello. A votación popular será dende o luns 13 de maio ata o mércores 15 ás 23:59 horas. O outro 50% será a valoración dun xurado profesional, puntuando criterios coma a creatividade e orixinalidade da proposta; a calidade técnica e audiovisual; a capacidade para promocionar o galego, as letras galega e/ou a figura de Luísa Villalta; e mensaxe e impacto emocional.


En total outorgaranse tres premios que consisten en vales para mercar no comercio local: o primeiro premio de 200 euros; o segundo, 100; e o terceiro, 50. Os traballos gañadores daranse a coñecer o venres 17 de maio nun acto aberto ao público organizado polo Concello para celebrar o Día das Letras Galegas.


Publicidade

As persoas que queiran participar neste concurso poderán enviar o seu vídeo “Presume de lingua” ao correo electrónico cultura@silleda.es antes do domingo 12 de maio ás 23:59 horas. En caso de que o arquivo pese demasiado, pódese enviar a través de WeTransfer.

Xunto co vídeo, a persoa interesada deberá enviar tamén a solicitude (Anexo I) debidamente cuberta e asinada pola persoa participante ou pai, nai ou titor/a legal no caso de menores de idade. As bases e o anexo que hai que cubrir pódense consultar xa na páxina web do Concello.


Este certame é unha das actividades programadas dende o Concello para conmemorar o Día das Letras, e que se sumará a outras iniciativas previstas nas vindeiras semanas.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page