top of page

O Concello de Silleda contrata a brigada de prevención e defensa contra incendios forestais

9 jul
3 min de lectura

Compleméntase co Plan de Actuación Municipal fronte ao risco lumes, unha ferramenta técnica para mellorar a coordinación, a prevención e a resposta ante emerxencias


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda vén de avanzar na contratación do servizo de labores de vixilancia, defensa e prevención de incendios forestais para este ano 2026, unha actuación que permitirá reforzar os medios dispoñibles durante o período de maior risco de lumes no municipio. O contrato para a brigada adxudícase á empresa EULEN, S.A., por un importe

total de 50.215 euros, IVE incluído, e terá unha duración de tres meses desde a súa sinatura.

Medios de extinción nun incendio en Deza. Autor: Ecos da Comarca.
Medios de extinción nun incendio en Deza. Autor: Ecos da Comarca.

A prestación do servizo enmárcase no convenio de colaboración subscrito coa Consellería do Medio Rural para a realización de accións de prevención e defensa contra incendios forestais nos anos 2025-2026, cofinanciado parcialmente polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, FEADER, no marco do PEPAC 2023-2027.


A brigada estará composta por catro persoas: unha persoa xefa de brigada e tres peóns forestais, que desenvolverán labores de vixiancia e defensa contra incendios forestais durante o período de operatividade previsto. Ademais, cando non sexan requiridas para tarefas de defensa ou extinción, realizarán actuacións preventivas, como rozas manuais e traballos vinculados ao control do estado das parcelas incluídas nas redes de faixas secundarias de xestión da biomasa.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, sinala que esta contratación “permite reforzar a capacidade de resposta do Concello nun período especialmente sensible, no que é fundamental: dispoñer de medios humanos preparados e coordinados para actuar tanto na prevención como na defensa fronte aos incendios forestais”.


Fernández Pena lembra que Silleda é un concello cunha ampla superficie rural, elevada dispersión territorial e importante masa forestal, polo que “a prevención ten que ser unha prioridade constante”. Neste sentido, destaca que “a brigada non só supón un recurso operativo fronte a posibles emerxencias, senón tamén unha ferramenta clave para avanzar na xestión preventiva do territorio e na protección da veciñanza, das vivendas e do noso patrimonio natural”.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Esta actuación compleméntase coa contratación da elaboración do Plan de Actuación Municipal fronte ao risco de incendios forestais, coñecido como PAM, que foi adxudicado á empresa Oficina Técnica DEMONTES S.L.U. Gerencia Norte por un importe de 5.442,58 euros, IVE incluído. O documento deberá estar finalizado e entregado antes do 31 de xullo de 2026.


O PAM constitúe unha ferramenta esencial para a planificación, coordinación e resposta ante situacións de emerxencia derivadas dos incendios forestais. O seu obxectivo é establecer protocolos de actuación, mellorar a coordinación dos medios dispoñibles e reforzar a protección da poboación, dos bens e do territorio.


Para a elaboración deste plan, o Concello de Silleda conta cunha subvención da Xunta de Galicia por importe de 2.773,11 euros, concedida ao abeiro da orde de axudas para a elaboración, revisión e implantación de plans de protección civil para risco de incendios forestais de ámbito municipal.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

A alcaldesa subliña que “a loita contra os incendios non pode limitarse á resposta cando o lume xa está activo, senón que require planificación, prevención e coordinación previa”. Por iso, considera que a contratación da brigada e a elaboración do PAM “son dúas actuacións relacionadas e necesarias, que permiten ao Concello estar mellor preparado ante o verán e avanzar cara a unha xestión máis eficaz do risco de incendios”.


O Concello de Silleda reafirma así o seu compromiso coa protección do medio rural, coa seguridade da veciñanza e coa defensa do territorio, combinando medios operativos no terreo con instrumentos técnicos de planificación municipal.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page